Opinión

Palacios de Vidago e Santander

Hotel Palace de Vidago.
photo_camera Hotel Palace de Vidago.

Hai pouco despraceime desde Vigo ata a cidade portuguesa de Chaves, e abofé que pasei unha fantástica mañanciña percorrendo as súas históricas rúas, atravesando a Ponte de Trajano sobre o Támega, visitando os seus monumentos e termas, paseando ás beiras do Támega e mesmo “turisteando” no mercadiño instalado nunha das súas prazas. Todo elo antes de dirixirme a Vidago, con parada para xantar nun descoñecido restaurante de carretera situado ao lado do río e que foi todo un descubrimento culinario e paisaxístico.

Chegar á precisosa avenida arbórea que conduce ao Hotel Palace de Vidago producíume unha emoción indescritible, lembrando aquela vez que con apenas 19 anos fun cantar co grupo “Brasas” ao salón principal do establecemento, onde tiven a impresión de estar actuando nunha película viscontiana, tipo “Morte en Venecia”, para un numeroso grupo de persoas que asistían á cea de gala dun campionato de golf; ¡bos son os portugueses e portuguesas á hora de poñerse de “tiros longos” para asistir a estes acontecementos!

Despois de identificarme na barreira que conduce ao hotel, paseei un momentiño pola frondosidade do bosque e xardíns que rodean o establecemento hoteleiro, antes de repousar na súa terraza para gozar dun deses cafés que soamente serven no País irmán. Non puiden marchar sen volver admirar a dobre escaleira de madeira que preside o “hall” e que leva o teu maxín aos tempos nos que alí se aloxaba a Corte portuguesa do século XIX, desde que o Rei Carlos, que nunca puido gozar do palacio, quixo converter a Vidago na súa residencial real, sendo unha das máis luxosas estacións termais de Europa desde a súa inauguración un 12 de outubro de 1917; converténdose no lugar de reunión de ricos e famosos que mesmo aproveitaron a neutralidade lusa na 2ª guerra mundial.

A restauración do complexo hoteleiro foi magnífica, comandada por grandes arquitectos e interioristas, conservando ese aire “Art Decó” que namora nada máis divisar a fonte que preside as grandes escalinatas, e na que os golfistas participantes nos torneos dan varias reviravoltas antes de marchar para as súas casas, como tiven oportunidade de comprobar naquela miña primeira visita.

Esa mesma sensación de estar aloxado nun lugar especial e histórico tívena no Hotel Real de Santander, inaugurado no mesmo ano que o de Vidago, cunha vista fantástica desde as súas habitacións á baía e o Pazo da Magdalena, e onde tés a sensación, tomando un aperitivo ou paseando polos seus corredores, que vas saudar en calquera momento ao Rei Alfonso XIII ou á súa dona Victoria Eugenia de Battenberg, cando a capital cántabra foi convertida tamén en residencia real. Cando deixas voar a imaxinación desde calquera curruncho desta “bella dama blanca”, que así lle chamou Ignacio Sánchez Mejías, a quen homenaxeou García Lorca no seu “Llanto”, méteste de cheo na historia de España.

Como reflictín no seu día no meu libro-album, hospedarme no Hotel Real de Santander foi unha desas cousas que me impactou sobremaneira, pensando na cantidade de pensadores, creadores, nobles, músicos e poetas que alí tamén se aloxaron, e nas recepcións monárquicas, políticas e culturais, ademais das inumerables festas, que alí acontecían, e das que daban conta os xornalistas máis sobranceiros que alí tamén se aloxaban para, desde esa magnífica atalaia privilexada elevada sobre o resto da capital cántabra, resaltar todo o que alí sucedía gozando da beleza e das bondades de Santander.

Te puede interesar