Opinión

Paloma Lago

Paloma Lago en Comando G.
photo_camera Paloma Lago en Comando G.

Nestes case 30 anos de comunicador televisivo e radiofónico tiven a oportunidade de atoparme con xente marabillosa do mundo do espectáculo, e unha destas persoas coas que tiven a fortuna de coincidir nestes últimos meses foi coa modelo e presentadora Paloma Lago, unha desas figuras que retés no teu maxín desde que comezara a súa andadura televisiva nas incipientes Tele5 e Antena3, compaxinando o seu traballo con figuras ben recoñecidas como Laura Valenzuela, Andrés Aberasturi, Julia Otero ou Pedro Rollán, entre outros. Alí estaba ela, sempre elegante, sempre co seu amplo sorriso e sempre cunha excelente profesionalidade. Seguramente onde máis a recordemos é nos seus traballos en TVE, onde presentou innumerables programas como a “Eurocanción”, ao lado de Carlos Lozano; ou varias edicións de “Telepasión”, tamén ao lado de Carlos, sendo durante varios anos a cara visible das badaladas de fin de ano ao lado do sempre querido Ramón García, quen actualmente conduce programas de éxito na canle autonómica de Castela-A Mancha.

E será xustamente nunha autonómica, a nosa TVG, onde eu coincida con esta muller de bandeira, participando como concursante no programa “Comando G”, que rematou este mércores a súa primeira tempada, onde tiven o pracer de participar como coordinador do xurado e gozar da compaña de moitos outros compañeiros e amigos como Lucía Rodríguez, Alberto Comesaña, Patricia Pérez, Trisha Fernández, Ivan Müller, Thais Suki, o corpo de baile da Escola “Btroula” de Breogán Pérez, ou o excelente presentador Adrián Díaz, que demostrou un dominio do escenario e do show a proba dos grandes comunicadores; penso que esta fichaxe foi un dos grandes acertos de “Comando G”, dirixido por alguén que de televisión sabe un cacho, o meu amigo Miguel García, que foi quen de convencer nun “plis plas” a Paloma Lago de que tiña que volver á terra onde naceu para participar nas trepidantes probas ás que sería sometida, igual que os seus compañeiros, ao longo das semanas. Nunca pensei que esta muller chegase a meterse tan de cheo no que o programa lle pedía, e accedese, sempre cun talante encomiable, a realizar accións realmente complicadas. Pero o oficio é o oficio, e Paloma sabe moito de televisión e sabe o que hai que facer para chegar ao público; eu xa lle dixen que a pouco que se esforce en aprender galego terémola dando outra vez as badaladas de fin de ano, pero neste caso desde o Obradoiro, e presentando programas no noso idioma. Sei que agora vén cada vez máis á sua casa de Ferrol, e a gozar das paisaxes e dos aires da praia de Covas, e sei que está empeñada no tema idiomático, e como é unha muller teimuda e perseverante fará como no seu día fixo a miña querida Alba Lago, que pasou de ser unha moi nova redactora estudante de Xornalismo e Comunicación, que de galego sabía o xustiño, a estar ao meu lado como copresentadora do “Acompáñenos”, para actualmente presentar os informativos de Tele5 no equipo do gran Pedro Piqueras. Outra muller saída da factoría de Miguel García, que foi quen lle abríu as portas dos platós de televisión en momentos de enorme esixencia e complexidade, nun programa diario que comezaba de cero e chegaba a colocarse nos máis altos índices de audiencia nas tardes de TVG.

Teño pendente con Paloma Lago ir coñecer os lugares desa súa Galicia que tanto ama e da que tanto presume, e coa boa amizade que nos une gracias ao programa “Comando G”, non tardarei moito en facelo.

Te puede interesar