Opinión

Peche de fronteiras

Este polémico peche de fronteiras con Portugal por mor da visita do papa tráeme ao recordo aqueloutras viaxes que faciamos coa excusa de mercar unhas toallas ou unha vaixela de encargo para unha voda, tendo que botar unhas cantas horas de desesperante cola en Tui, que era por onde eu entraba ao País veciño; e lembro especialmente unha calurosa tarde de agosto na que despois de estar parados máis de dúas horas decidimos dar a volta porque aquelo era imposible, debido ao parecer a un tráiler atascado na ponte vella internacional. Pero outras veces sí que tiven paciencia e agardei, porque aínda que xa non eran tempos do estraperlo, sí que os eran para a picaresca na “alfândega” co coche ateigado de cousas e xurándolle ao “guardinha” de turno que soamente levabamos uns botes de aceitunas negras e unha botella de “Lacrima Christi”.

Daquelas eran auténticas excursións, porque en definitiva era ir a un País estranxeiro e, desgraciadamente, moi descoñecido; as fronteiras eran máis mentáis que físicas, e mentres en Portugal seguían fieis ao dito “de España nin bom vento nin bom casamento”, nos seguiamos quedando coa imaxe dos que chegaban cada sábado ao Náutico de Vigo a merendar nos xardíns, mesmo antes de que se fixeran adictos ao Corte Inglés.

As fronteiras físicas desapareceron e as mentais van pouco a pouco abrindo portas, aínda que algúns sigan sen querer entendelo a un lado e ao outro da raia; porque se ben e certo que para os de Vigo e Ourense moitos lugares de Portugal son como da casa, para os de máis arriba segue sendo en moitos casos un territorio descoñecido; cousa que tamén sucede de Viana do Castelo para abaixo con respecto a nós e a todos os tópicos que nos acompañan secularmente.

Non vou entrar hoxe nese amor-odio que ás veces nos profesamos, son tempos de Eurorrexión económica, cultural e política; e iso está moi ben, como o de seguir reivindicándolle aos poderes públicos un tren decente que nos una, e unha protección e desenvolvemento especial para a area compartida da Foz do Miño; pero non sei por que me dá que con iso da deslocalización dalgunhas empresas galegas, do auxe do porto e aeroporto de Porto, valga a cacofonía, e desa desconfianza que nos caracteriza desde sempre, as cousas non van sempre todo o ben que deberan.

As fronteiras só estarán totalmente abertas cando nos miremos de igual a igual e empecemos a aproveitarnos do moito que nos une e saibamos respectar o tamén moito que nos separa, que tamén o hai, e non pasa nada. Eu xa hai anos que decidín entenderme con eles e vivir bastante tempo entre eles, sabendo que cando vou ao seu País son eu o que teño que facer o esforzo de adaptación e non ao revés. 

Falamos moito e decímonos cousas, eu insístolles en que teñen que deixarse de tanto “doutor” e tanta gaita servilista propia doutras épocas e mostrarse igual de extrovertidos na casa que como cando veñen á nosa terra; e eles, con moita prudencia, tamén me din que en nós botan de menos uns mellores modais á hora de falar, e razón non lles falta. Eiquí estamos esquecendo a toda velocidade o “por favor” e o “gracias”, mentres que para eles o “com licença” e o “muito obrigado” son de uso cotiá e en todas as idades. E agradécese de veras. 

Te puede interesar