Opinión

Pequenos fenómenos

Un ano máis volvemos reconverter o noso plató de “Bamboleo” nunha auténtica pasarela de pequenas estrelas da canción, nenos e nenas solidarios que virán facer o que máis lles gusta, cantar, co obxectivo de pasalo ben e tratar de conseguir un premio en metálico que doarán á causa benéfica que eles ou os seus pais elixan. E créanme que así dá gusto traballar, vendo as ganas e a ilusión que os cativos poñen diante das cámaras, sabendo que o máis importante é gozar do momento sen entrar en competicións que os estresen e desastabilicen; aínda que na maioría dos casos a quen hai que tranquilizar é ás súas familias, facéndolles ver que aínda que non coincidan coas decisións dos xurados non pasa nada; o único obxectivo é que os rapaces volvan para a casa coa ilusión cumprida de actuar na súa televisión.

O ano pasado o equipo do programa quedou amplamente satisfeito co resultado, coa actitude dos nenos e co apoio e compresión dos pais e avós, creándose unha atmosfera de total camaradería e festa; houbo choros, como non podía ser menos, xa que os nervios sempre afloran nestas situacións, pero houbo sobre todo amizade e “bó rollo”. Volverán estar na mesa do xurado a gaiteira Susana Seivane, o trovador galego Davide Salvado, con quen tiven o pracer de vivir este pasado verán o momento no que a Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña nos agasallou co Premio “Alecrín”, e os tamén cantantes Merche, Salvador Beltrán e Tamara, que aproveitarán a visita a Galicia para presentarnos os seus últimos éxitos. Na conducción do programa contarei coa magnífica axuda da actriz Lucía Regueiro, que saltará directamente desde as paraxes e platós de “Serramoura” ao plató de “Bamboleo”, onde será recibida como se merece, co mesmo cariño co que o ano pasado recibimos á tamén estupenda actriz María Mera, que neste Nadal está vivindo intensamente toda a felicidade que lle trouxo a súa pequena Dalia, nacida hai un mes. Tamén volverá compartir escenario con nós o showman Pablo Meixe, un humorista que realiza os seus estudos universitarios en Ourense e que se bota de menos diante das cámaras polo excelente papel que fixera no concurso “Os Aspirantes” da TVG.

Traballar con nenos en televisión sempre leva un esforzo engadido dada a súa espontaneidade, se lle caes ben e consegues levalos ao teu terreo todo é moi fácil, pero como non lle entres polo ollo lévalo complicado. Eu sempre apliquei a máxima de tratalos con total naturalidade, facilitándolle que se sentan cómodos, arroupándoos nos momentos de maior tensión e intuíndo o grao de desenvoltura ou de timidez que hai en cada un, e se a actuación non lles saíu todo o ben que quixeran facéndolles ver que o importante é a causa solidaria pola que están alí sobre o escenario. Teño por seguro que volveremos vivir tres sábados de auténtica emoción e frescura, en tres programas nos que o guión, por moi escrito que estea, sempre o reescribirán estes “Pequenos Fenómenos Galegos”.

Te puede interesar