Opinión

Polo Algarve

Despois dunha pasada relámpago pola capital do Reino por cuestións ineludibles, collo carreiriña cara o Algarve portugués nunha búsqueda desesperada de sol e calor. Sí, xa sei que estes días tamén pegou do lindo por estes lares, pero digamos que precisaba ter a seguridade de que nada ía entorpecer ese encontro co "gran desaparecido" dos últimos meses. Alguén confirmou o que todos xa sabiamos, que o pasado maio foi o máis chuvioso dos últimos oito anos; de aí que aproveitando uns días libres decidira non arriscarme a eses anticiclóns tan nosos que, prometendo felicidade a esgalla, últimamente chegan acompañados desas néboas que tanto amolan nas Rías Baixas e no Norte de Portugal despois dun par de días quentes.

E alá que me fun ao sur do País veciño a darme un baño, non soamente de sol e auga, que tamén, senón do máis puro turismo "guiri" internacional. Sí, sí, dese de peles brancas como a nata que nun par de días ao sol transfórmanse en camaróns converténdose en candidatas a melanoma seguro; e de karaokes nocturnos combinados con abundancia de caipirinhas e mojitos. Nesas fermosas terras portuguesas, ao igual que en moitos outros lugares da Península, saben como facer que os visitantes se divirtan do lindo e deixen os euros aforrados ao longo do ano para tal fin; os turistas británicos e alemáns non teñen que facer esforzo algún xa que lles falan nos seus idiomas de orixe, e por non aprender nin aprenden un socorrido e educacional "muito obrigado"; e os camareiros e dependentes xa o teñen tan asumido que por moito que me esforcei nalgunhas ocasións por facerme entender no idioma de Camôes, rematei pedindo a "Cataplana de Robalo" nunha especie de "galespanglish" como para botar a correr.

Ben é certo que para comer nada mellor que cruzar a ponte e desprazarse ata a veciña Ayamonte para, mentres gozas da desembocadura do Guadiana, facerlle unha homenaxe ás fresquísimas gambas de Huelva ou a un bonito con pementos de "falar con Deus" que degustas no medio da rúa e a prezo de "ayamontés", non de turista accidental. Hai que saber dos sitios, e senón preguntar, porque no outro lado da "raia", nas terras e mares do Algarve, xa saben como desplumarte a pouco que te descoides. Eso sí, segue pagando a pena alugar unha barca con barqueiro para dar o típico paseo mariño polos acantilados da alucinante costa de Lagos, onde o mar esculpe auténticas marabillas naturais; ou botarte a camiñar polos quilómetros de praia da Falésia onde podes atoparte incluso contigo mesmo, o cal non está nada mal facelo de cando en vez, sobre todo se estás saturado de tanto "vendefumos" vociferante que tanto se prodiga últimamente.

E se despois duns días de desconecte de anticipo veraniego, á volta tés o privilexio de poder facer noite en Lisboa para cear a ritmo de fado no barrio de Alfama, xa podes reconciliarte con este mundo de tolos e terás a obriga de seguir botando man de quen máis o precise; como onte mesmo fixemos en "Luar" e hoxe á noite faremos en riguroso directo en "Bamboleo", nuns programas de "Axuda en Acción" que nos lembran que hai millóns de nenos no mundo desexando ser apadriñados. Neso tamén pensaba naquela miña camiñata solitaria e privilexiada pola praia dos acantilados.

Te puede interesar