Opinión

"Precaución amigo conductor"

Este era o título dunha canción que interpretaba Perlita de Huelva, moi popular polos anos sesenta ao lado daquelas outras homenaxes que Los dos Españoles lles dedicaban ós camioneiros de España. Daquelas, ao igual que hoxe, as campañas da DGT centrábanse fundamentalmente na excesiva velocidade, aínda que actualmente se lle engada o factor alcohol e as drogas. Ben é certo que este ano incluen algúns anuncios máis incisivos no tema da fatalidade que pode conlevar un despiste tonto como é o de coller unhas gafas, seleccionar unha música ou acender un cigarro; isto último non sei se o escoitei realmente, pero non estaría de máis que así fose. Pero o que sí está demais definitivamente é a utilización dos teléfonos móbiles mentres se donduce, e aquí fagamos un acto de contrición e que tire a primeira pedra o que estea libre de pecado, porque incluso os que xa estamos redimidos da culpa temos que recoñecer que foi máis ben gracias a algún pequeno gran susto sen consecuencias que a eses anuncios que ano tras ano nos pretenden concienciar da conducción responsable. Anuncios que, por certo, por moito que vaian dirixidos principalmente á xente máis nova soan como a bíblica “voz que clama no deserto”, voz que ós rapaces lle entra por un oído e lle sae polo outro, como se a cousa non fora para nada con eles; xa sabedes o que todos dixemos a esas idades, “eu controlo”.

Pois non, non hai control, nin coa bebida, nin coas drogas, nin cos teléfonos móbiles. Cando soa o ditoso pitido do WhatsApp todo o mundo quere saber ipso facto quen llo remite e que dí nel, e por se fora pouco, como case sempre se trata de asuntos de vida ou morte hai que contestalos inmediatamente mentres o coche vai a 120 por hora no mellor dos casos. E se esto é grave para os que conducimos turismos pequenos, imaxinemos as consecuencias que poden ter ditos actos protagonizados por conductores de trailers ou cisternas con materiais perigosos. Se creen que esaxero é porque andan vostedes pouco polas carreteras, eu que fago ao mes máis quilómetros que o Alsa nos tempos gloriosos podo asegurarlles que son moitas as veces que vexo como os camións van dun lado para o outro da vía porque o seu conductor leva o móbil entre as mans; nalgunha ocasión quixen facerlle caso a un camión de gasoil que na parte traseira lucía un flamante rótulo que poñía: “Se observa conducción temeraria chame a este teléfono…”, e podo asegurarlles que non me faltaron ganas, pero pensei que ou me detiña na beiravía memorizando tal número de denuncia ou o remedio ía ser pior ca enfermidade, porque mentres marcaba os números sería eu quen puxera en perigo a miña vida e a de algún outro inocente usuario da autopista. 

Eu diríalle os responsables de Tráfico que se deixen de mandar os cohes patrulla á caza e captura dos que se pasan un chisco na velocidade e vaian camuflados por carreteras e autopistas á caza dos irresponsables que xogan coa vida dos demais cos malditos móbiles que tanto nos controlan e idiotizan. E repito, eu son o primeiro en facer o “meu culpa”. 

Te puede interesar