Opinión

Premios Alecrín 2015

Foi un pracer reencontrarme cos amigos galegos residentes en Cataluña que na pasada primavera foron uns magníficos anfitrións cando os visitei con motivo da presentación do meu libro, e para coñecer "in situ" a realidade das Entidades Galegas en Cataluña, que tiveron a xentileza de honrarme co Premio Alecrín 2015 de Comunicación.

E para a entrega destes premios reunímonos 200 persoas o pasado martes no Concello de Vila de Cruces, co seu alcalde Jesús Otero á cabeza, que tomou o relevo do ourensán de Celanova onde se celebrara o ano pasado. E moito sabor ourensán houbo nesta nova edición, desde a presenza e actuación da sempre marabillosa María do Ceo, recén chegada e triunfante de Denia en terras valencianas, ata o conductor do acto, o empresario Manuel Valdés, oriundo de Parada do Sil, onde rexenta as Adegas Valcar e que recibíu o Alecrín Especial das mans do director da Real Banda de Gaitas, Xosé Luis Foxo, e de quen Manoel Carrete, Presidente do Centro Galego de Barcelona e alma máter destes premios, recordou a súa traxectoria como comunicador ao longo dos 35 anos que fixo radio en galego, sendo o terceiro programa máis antigo no noso idioma. Valdés recibíu tamén como agasallo unha artística "monteira" do ceramista alaricano Xaime Piñeiro, que foi o autor dos guerreiros celtas que os premiados tamén recibimos, obras orixinais que teñen as súas irmás maiores expostas no xardín da Fundación Vicente Risco da vila alaricana, e que o ano pasado formaron parte da Exposición de Arte do Festival Internacional de Xardíns que cada edición atrae a máis visitantes nas beiras do Arnoia.

E seguindo coa representación ourensá neste acto, dicir que tamén acudíu o Vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, quen tivo emotivas palabras para o mundo da emigración, como emotivo foi o agradecemento de Mari Carmen Canal, piar fundamental da Empresa Aceites Abril, que recibíu o Premio Alecrín no Eido Empresarial, polo empeño da súa familia por conservar os postos de traballo e a actividade industrial en plena crise, mesmo inaugurando unha nova planta de refinación de aceite, a primeira en Galicia, da que se senten especialmente orgullosos, levando a afirmar no seu día ó seu conselleiro delegado, José Manuel Pérez Canal, que era algo polo que levaban loitando dez anos "para devolverlle á sociedade parte do que nos ten dado". A gran matriarca da empresa, con quen tiven o pracer de conversar e mesmo programar un xantar de verán, sentíuse especialmente orgullosa de apostar polo ourensanismo, apoiando á cidade que a víu nacer e ós seus conveciños, algo que sempre desexou o seu marido Manuel Pérez Gómez, quen cimentara fortemente as bases de esta industria. Mari Carmen deixou ben claro que sempre que poden gustan de empregar traballadores de Ourense.

Todos os asistentes ó acto é o xantar recibimos un fermoso libreto que como carta de presentación nos lembraba unhas palabras de Castelao: "Non lle poñades chatas á obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela. Hai sitio para todos". Sabias palabras abofé.

Te puede interesar