Opinión

“Que me quiten lo bailao"

Con soamente poñer o título xa sabemos que a protagonista de hoxe non é outra que a queridísima Lucía Pérez, con esta canción que aínda que non foi ao gusto nin dela nin de moitos de nós, vaina acompañar de por vida, porque con ela deixou patente naquel magnífico escenario de Düsseldorf que estabamos diante dunha gran artista, que subida naqueles tacóns de vertixe defendía o indefendible para deixar o pavillón hispano moi ben representado.

E como xa estamos en tempos eurovisivos, a unha semana xusta da gran final de Turín, sucédense as festas dos eurofáns por todo o territorio patrio, e o noso non ía ser menos; así que os amigos do “Plaff” de Vigo organizaron para hoxe unha festa rachada na que poderemos gozar de todas as cancións que marcaron a vida musical de moitos dos que seguimos o Festival desde que o “La La La” de Massiel nos producira a mesma alegría que cando a selección gañou o Mundial de Fútbol. Pero non queda aí a cousa, porque nesta ocasión os compoñentes de “PetardPop”, organizadores do evento, quixeron darlle unha enorme alegría engadida a todos os asistentes convidando á cantante Lucía Pérez, que ademais de cantar o “Que me quiten lo bailao” e outros temas, prometeu pasar a velada con todos nós, e dada a súa simpatía e cercanía, serán moitos os que queiran inmortalizar o momento fotografándose con quen no seu día arrasaou no voto do público para representar a España en Eurovisión, por moito que todo estivera confabulado a favor dos compoñentes de “Auryn”. Canto nos acordamos dese momento por estes lares cando algún xurado do “Benidorm Fest” se empeñou este ano en deixar fora ás nosas “Tanxugueiras”! En fin, parece que nas apostas e en moitas listas internacionais aparece Chanel como unha das grandes favoritas para estar entre as primeiras ou mesmo gañar o Festival; pois nada, que lle saia ben a cousa para alegría dos milleiros de “chanelistas” que están con ela a morte. Moitos seguimos pensando que “Terra” era unha proposta magnífica e sorprendente para dicirlle a Europa que neste curruncho da Península Ibérica fanse cousas marabillosas nun idioma que namora “Sen Fronteiras”.

E nesas anda tamén a protagonista de hoxe, Lucía Pérez, preparando con intensidade a súa xira de verán na que irá incorporando algunhas cancións dun próximo disco que xa se está cociñando nas súas terras do Incio; a bo seguro que hoxe cantaranos no “Plaff” a última composición que para ela fixo o seu irmán Xabier Vizcaíno, titulada “Na miña pel”, onde nos conta que hai moitas Lucías na pel de Lucía Pérez.

Eu, que a sigo e apoio desde que participara no “Téquele Téquele” infantil da TVG, sei dalgunha desas peles, e sei sobre todo que cando Lucía se planta no escenario, faino pisando forte e con seguridade, como fixera en Eurovisión, e dando sempre o máximo para que o público goce co seu espectáculo.

Eu sei que a actuación e a presenza hoxe en Vigo de Lucía Pérez é máis por cariño aos eurofáns que por calquera outra cousa; faino por que lle peta e porque dalgún xeito quere corresponder ao moito apoio que este colectivo sempre lle profesou, facendo realidade ese dito marabilloso de “Amor con Amor se paga”. Gracias Lucía pola túa xenerosidade e “Que nos quiten o bailao”.

Te puede interesar