Opinión

Que viva o boi

A Festa do Boi en Allariz.
photo_camera A Festa do Boi en Allariz.

Confeso de entrada que do boi o que máis me gusta é a súa carne. Dito isto, sería imperdoable que o artigo non versara sobre os nove días de festa que hoxe mesmo comezan en torno á figura do noso Boi, cun traballo denodado por parte de todos os compoñentes da Asociación Cultural “Xan de Arzúa”, encargada cada ano, xunto co Concello, de que esta festa nos sorprenda en cada edición con novas actividades e propostas para todos os públicos; desde os que simplemente queren botar unhas carreiriñas a un par de quilómetros do animal, ata aqueles que se queren empapar da historia e cultura daquela época na que según a tradición o boi estaba íntimamente ligado á procesión do Corpus, que con toda solemnidade se segue celebrando, sendo para min a procesión máis bonita do ano, e recordando como ía de monaguillo coa miña sotana e o meu roquete diante do palio movendo o incensario como se me fose a vida nelo. Hai varios momentos de carácter relixioso que aínda me seguen estremecendo, un é o repique das campás para recibir a San Benito coas bombas de palenque, outro cando se lle canta a “Salve” á Dolorosa despois da procesión do Venres Santo, e outra, que non sei se se fai actualmente, cando se entona o “Cantemos al amor de los amores” despois da procesión de Corpus, cando xa está estoupando na rúa a bomba que avisa que pasamos do relixioso ao profano e o boi xa está a piques de sair de paseo polas rúas de Allariz.

Do “boi”, como bo alaricano, teño infinitos recordos desde as súas primeiras edicións nas que participabamos fundamentalmente os veciños da Vila, pero teño que dicir que foi unha emoción moi grande cando me nomearon “Corrixidor de Honra” e tiven o pracer de exercer de mestre de cirimonias no acto de entrega do sedeño na campo da Barreira. E máis recentemente a sopresa que levei tamén nese lugar cando se celebraba o Concurso de Trovadores por parte dos Gremios e a canción que tiñan de sintonía era o famoso merengue do “Supermartes”, coas viseiras “customizadas” como se foran do mítico programa de televisión. A man do amigo Pilís, aínda que sexa físicamente a do seu fillo, sempre está aí con todo o seu cariño.

Gústame que os organizadores sigan sendo fieis ás tradicións, e aínda que cada ano varíe a orquestra, as fanfarrias, as murgas e as charangas, siga vindo algunha do noso moi querido País Vasco, que tantos veciños acolleu durante décadas formando centos de familias que agora, con varias xeracións de por medio, viven a cabalo entre Eibar, Elgoibar ou Ermua e Allariz; e que non fallen nunca as Treboadas dos “Zés Pereiras”, que imaxino que a estas alturas os seus compoñentes xa serán fillos ou netos daqueles primeiros que atronaban cos seus enormes bombos as alboradas dos días de festa. Esa relación umbilical cos nosos veciños portugueses nunca se pode romper.

Sei que este ano o “Boi” vai ser espectacular despois de dous anos de parón obrigado, e sei que o pobo vai quedar pequeno para tantos visitantes que repiten por enésima vez ou que acoden a estrearse botando unhas carreiriñas “Portelo” arriba. Soamente pedirlles, unha vez máis, que teñan claro que esto non é ningún San Fermín, que queremos sa diversión, con prudencia e con respecto a un pobo que os recibe cos brazos abertos, pero que despois dos días de festa quere seguir estando tan guapo como o temos durante o resto do ano.

Que viva o boi.

Te puede interesar