Opinión

Resaca eurovisiva

A cantante portuguesa Maro.
photo_camera A cantante portuguesa Maro.

Tal como afirmei a semana pasada, non facía falta ser ningún Uribarri para saber que o televoto europeo daríalle todos os puntos a Ucraína para que se alzase co triunfo en Eurovisión, que este ano si que se converteu en algo máis que un festival de cancións, onde a tan cacarexada política fixo acto de aparición, mesmo con pedida de axuda para un pobo que está sendo masacrado; cousa que noutras circunstancias podería significar a descalificación do país que o fixera.

Pero o corazón é o corazón e todos tiñamos claro que, aínda que non servise de moito, había que deixarlle claro aos “fillos de Putin” que aínda que Europa canta e se divirte, non esquece a quen está vivindo baixo as bombas e a barbarie. De aí que a edición deste ano do Eurofestival, para disgusto dos “chanelistas” e dos que apostabamos por un triunfo máis que merecido do Reino Unido, tiveramos que conformarnos con ocupar segunda e terceira posición.

Do festival en si pouco máis teño que dicir que o que xa teño dito nestas páxinas e no meu programa da Radio Galega; foi un festival “á italiana”, demostrando unha vez máis que para eles o seu gran referente segue sendo “San Remo”, onde conservan toda a esencia daqueles festivais nos que prima por enriba de todo a música e os intérpretes. E aínda que aquí, por esixencias da organización, teñan que seguir unhas normas máis ou menos fixas en canto á realización, posta en escea e demais artificios cos que Eurovisión se converte no maior espectáculo musical do ano, eles non esquecen que un certame musical o que debe ter é músicos e voces, e así o fan en San Remo, onde calquera tema, por moi rockeiro que sexa, como foi o caso dos gañadores “Màneskin”, poden ser acompañados por unha orquestra sinfónica que toca en directo e uns coros marabillosos que acompañan todas e cada unha das cancións. Eurovisión hai moito tempo que decidiu prescindir dos músicos, substituíndoos por música enlatada, e agora dándolle o puntillazo cos coros gravados previamente na casa, co cal moitas das cancións convértense nun puro videoclip, onde o único que prima é a coreografía, o vestiario e os efectos especiais, porque os/as artistas non teñen apenas que mover a boca; ¿sóalles isto a algo?

Do festival en si quédome con algunhas boas cancións, incluída a fermosa “Saudade” da portuguesa Maro, ou as que representaban aos Países Baixos, Grecia, Suecia ou mesmo Italia, que a pesar de que Mahmmod & Blanco non tiveran a mellor noite era unha moi fermosa canción. Quédome por suposto coa aparición estelar da sempre marabillosa Gigliola Cinquetti, recreando para os máis nostálxicos o “Non Ho Letà” co que gañara o Festival no ano 1964. E quedoume moi raquítica a homenaxe á gran Raffaella Carrá, que se ben nunca participou en Eurovisión, si que contribuíu decisivamente para que Italia volvera ao festival despois de moitos anos de estar ausente. Sen esquecerme do sempre grande Franco Battiato, falecido hai xustamente un ano, e que no 84, xunto con Alice, tamén representou a Italia no Eurofestival acadando un quinto posto.

Pois xa soamente queda un ano para unha nova edición do Eurovisión Song Contest, e por moito que o optimista presidente de Ucraína diga que se vai celebrar no seu país, moito me temo que tal como van as cousas será do todo imposible, e haberá que buscar plan alternativo, se é que daquelas aínda non nos mandaron un pepinazo a todos para poñernos en órbita.

Te puede interesar