Opinión

Retorno á Acearrica

Opinión

Retorno á Acearrica

Non puiden elexir mellor día para ir poñendo punto e seguido a este verán de goce da auga, xa que os dous anteriores non me foi posible, e non puiden elexir mellor lugar que a nosa "Acearrica", ese fermoso paraxe alaricano onde moitos de nós aprendemos a nadar de mans e paciencia das nosas nais, e onde pasamos horas interminables da nosa nenez e adolescencia, cando en vez de protexernos con cremas con filtro solar usabamos a Nivea da caixa azul de toda a vida ou o que facían algunas das nosas amigas desexosas de parecerse a Regina do Santos, untándose cun combinado de aceite, vinagre e non sei que máis, que mesmo permitiría preparar unha ensalada sobre as súas costas. Nin que dicir ten que ao longo deses veráns sen fin mudabamos de pel cal cobras dúas ou tres veces.

Foi o sábado pasado cando xa saín de Vigo cara Allariz coa idea fixa de bañarme nas augas do Arnoia, despois de ter gozado a xornada anterior dun espectacular día de mar navegando co meu amigo Roi Casal pola Ría de Arousa, fermosa onda as haxa, ao igual que o complexo de apartamentos de luxo "Harpazul" que Roi inaugurou en Catoira, e onde rematamos a xornada na súa coqueta piscina.

Volver tumbarme na herba de Acearrica e mirar a copa das árbores levou o meu maxín a aqueles días nos que eramos inmensamente felices gozando dun marabilloso río e do bocata de xamón ou salchichón para a merenda; non precisabamos de máis, o resto eran risas, carreiras, brazadas e se cadra algún bico de amorío veraniego.

Volvín bañarme nas "Tablas", a zona onde máis cubre, libre de xuncos e de pequenas cobras agochadas entre eles que había na parte de abaixo da presa, onde hoxe se baña a maioría da xente, moitos deles chegados da capital ourensá, como no seu día vin ilusionado ao daquelas moi famoso locutor Esteban Plaza, recentemente finado. Apenas había forasteiros na nosa Acearrica, soamente os amigos e familiares que chegaban do País Vasco para pasar as vacacións, e que ás veces fanfarroneaban coas chuletas “de a quilo”. 

Seguramente non eran nin de "a quilo" nin de douscentos gramos os filetes empanados que baixaban as nosas nais á caída da tarde para merendar en familia, pero sabían a gloria, con aqueles pementos de Seixalvo, a tortilla de patacas e o viño con gaseosa arrefriado nas augas do río. 

Volvín meter os pés onde dín as primeiras brazadas suxeitado coas mans da miña nai polo papo e a barriga ata que conseguín flotar por min mesmo; os nenos e nenas "de río" aprendemos a nadar moi rápidamente e aínda que fora tiritando, porque algúns días era como se na Serra de San Mamede lle botaran cubitos de xeo ás nacentes augas, nós non perdoabamos o baño diario, mañá e tarde. O verán era marabilloso, e non envexabamos nada a algúns amigos de familias con máis posibles que xa falaban dun tal “Sangenjo” e dunha tal “Bayona”. ¡Quen precisaba ir a ningures para ser feliz tendo como tiñamos unha barca inchable ou mesmo, xa anos máis tarde, a barca do "Quin", para sentírmonos os máis afortunados do mundo!

E así me volvin sentir o pasado sábado, inmensamente afortunado de poder revivir momentos marabillosos nas augas do Arnoia, momentos que lembran que ás veces non se precisa de case nada para ser felices, como moito poder ter a man un repelente de moscas que a estas alturas de final de verán estaban un chisquiño pesadas.