Opinión

Roi Casal: 'Xunto a ti'

roi casal


Nas longas parrafadas que botei con Roi o pasado verán no complexo hoteleiro “Harpazul” de Catoira, sempre estivo presente a nova andadura musical despois do tremendo éxito colleitado con “Son Galego Son Cubano”, que o levou a facer por todo o País máis xiras das que tiña pensado. Os poemas de Neira Vilas e a voz de Roi, con colaboracións tan importantes como a dos artistas cubanos Pablo Milanés e Laritza Bacallao fixeron que ese traballo xa sexa considerado como unha das grandes obras da música galega; unha música que no seu día fora presentada no Gran Teatro de La Habana, cumprindo o gusto do escritor de Vila de Cruces que sempre quixo que así fora, primeiro en Cuba e logo en Galicia, dando preferencia ao País que as inspirou e que acolleu a milleiros de galegos durante décadas.

E a miña pregunta era obvia, “¿E agora que, amigo Roi?”. Non porque a capacidade creativa do artista quedase esgotada despois de terlle dado vida a algo tan importante como os poemas de Neira Vilas, co inestimable traballo do productor musical cubano Miguel Núñez, quen soubo mesturar maxistralmente as sonoridades galegas e cubanas. A pregunta é lóxica cando un é seguidor do traballo de Roi desde que no seu día decidíu emprender carreira en solitario, despois de vivir con intensidade dez anos da mellor música e das grandes xiras mundiais con “Milladoiro”. 

É aí cando eu coñezo a Roi e cando nos decatamos de que compartimos moitas inquedanzas con respecto á cultura e á musica galega, como por exemplo o convencemento de que o día que se faga pop en galego estaremos gañando unha gran batalla no emprego do noso idioma pola xente máis nova. Non sei se aquel convencemento que tiñamos hai anos se está facendo realidade, pero o certo é que fenómenos recentes como os de “Ortiga” ou as mesmas “Tanxugueiras” pode que algo de razón nos estean dando. 

E aquí chega de novo o Roi máis popeiro para sorprendernos co seu último single “Xunto a ti”, unha fermosa canción que indica ben ás claras por onde van ir as novas propostas do músico galego. Sen esquecer os aires latinos, que a bo seguro seguirán presentes na próxima xira, Roi volverá facernos gozar e bailar coa música máis actual saída das factorías galega e americana, porque se no seu día cruzou o charco para recalar no “Mar das Antillas”, agora volveu emprender viaxe transoceánica para traballar co productor e inxenieiro galego Carlos Rodgarman, nominado aos Grammy e que ten traballado con artistas da talla de Michael Bublé, Juan Gabriel ou Celine Dion. O último en tecnoloxía é o que quixo Roi para esta nova etapa musical que desexa vivir intensamente a un lado e ao outro do Atlántico, para en palabras súas “utilizar todos os recursos posibles para conseguir que a miña música chegue do mellor modo posible ao corazón da miña xente”. 

E para chegar tan adentro Roi non escatimou esforzos e gravou un videoclip a cabalo, e nunca mellor dito, entre as Torres do Oeste e a marabillosa Praia da Lanzada, con actuación incluída na piscina de “Harpazul”, lugares onde o realizador grovense Virvi Fraga conseguíu obter unhas fermosas imaxes nas que ten un protagonismo especial a estupenda actriz Beatriz Serén, ben coñecida por todos como Claudia Pardo na serie “Pazo de Familia”. 

“Xunto a ti”, con versión tamén en castelán, é o anticipo do moito e bo que Roi Casal nos ten preparado para este 2022.

Te puede interesar