Opinión

Rosa de España

Recibir a Rosa López nun plató de televisión é sempre un momento moi agradable e divertido; sempre te abraza e che di con sentido cariñoso iso de “mi niño, que alegría verte”. E dío de verdade, non como pose de “quedaben”, porque esta artista que chegou aos corazóns de millóns de espectadores no seu paso por OT é tan auténtica e sincera que non sabería como facer para vender fume. Ela é así, clara, directa e sincera; foino sempre, nos momentos máis complicados da súa carreira profesional e tamén nos momentos máis felices da súa vida persoal, como é o caso dos tempos que corren, onde se manifesta como unha muller moi namorada do seu Iñaki, que a acompaña a todos os lugares onde actúa, e a quen Rosa non ten reparo ningún en nomealo varias veces ao longo da gravación dos programas; e teño que dicir que realmente ese home que, en palabras de Rosa, lle roubou o corazón, é un fiel escudeiro e unha seguridade engadida, valla a brincadeira de que é policía, para que Rosa se sinta arroupada en todo momento e inmensamente feliz. Porque así define a artista esta etapa da súa vida, tremendamente feliz; e iso nótase cando facemos programas con ela como artista convidada, onde todo é colaboración e remar cara adiante, como ocorrerá esta noite en “Bamboleo”, cando a recibamos para que nos cante e nos conte cancións e intimidades.

Aquela rapaza que chegaba á televisión desde un “polígono granaíno”, como ela di, para sorprender a todos coa súa marabillosa voz e a súa encantadora naturalidade, converteuse nunha muller fantástica que volve pisar con forza os escenarios, con novas cancións e de xeito totalmente independente, sen someterse a ningunha directriz de casas de discos ou promotores que en moitas ocasións non souberon canalizar ben a súa carreira, que como o Guadiana tivo momentos no que as augas se ocultaban e non sabiamos demasiado dela, con propostas musicais que moitas veces pouco ou nada tiñan que ver coa súa maneira de entender a música. Tamén é certo que a esta muller lle pasou factura aquel éxito sen precedentes que a fixo pasar de ser unha rapaza humilde dunha pequena vila, desde onde facía “bolos” para vodas, banquetes e comunións, a ser a nena mimada de todo un país; ela que sempre estivo rodeada de amor e de costumes, como afirma nunha declaración de principios feita últimamente con palabras tan fermosas como estas: “Mis valores se fundamentan en mis vivencias más tempranas, que han sido las más sinceras, el amor, la generosidad, la empatía, el cariño, el trabajo, la familia… He vivido la protección a los más vulnerables, como los mayores, cuidando a los abuelos de las familias en casa hasta su último día…”

Rosa é unha muller moi familiar, teño para min que non tardará en formar ela mesma a súa propia familia asturiano-andaluza, e ogallá que todo lle vaia bonito por ser como é, por intersarse pola miña saúde e porque é unha gran artista. Tiven a oportunidade de xantar coa parella antes da gravación do programa e asegúrolles que foi un deses momentos inesquencibles, falando do divino e do humano cunha complicidade que parecera que nos vemos e falamos todos os días. Falamos de Bisbal, con quen vai compartir programa proximamente e a quen adora, falamos de Eurovisión, evidentemente, e de como a súa participación no Eurofestival fixo que moitísima xente nova se enganchase de por vida ao evento. Ogallá, nestes tempos tan convulsos se fixera realidade o “Europe’s Living a Celebration”.

Te puede interesar