Opinión

Ruth Lorenzo

De entrada teño que agradecerlle a esta magnífica artista que contribuíse a facer que o "Bamboleo" se convertera de novo en líder de audiencia, facendo así mesmo líder á Televisión de Galicia na xornada do sábado.

Por suposto coa colaboración da nosa querida Pili Pampín, dos bailaríns, do canario Grupo Bomba e de todo o equipo. Pero asegúrolles que o paso de Ruth Lorenzo polo noso programa foi un deses momentos que deixan fonda pegada, sobre todo para os que teñen ideas preconcibidas ou coñecen pouco do que hai dentro de cada artista, á marxe da súa proxección pública.

De entrada a amiga Ruth sorprendeunos a todos nos ensaios previos, onde demostrou unha profesionalidade incrible á hora de axustar o son de xeito impecable, para que impecables soasen despois as tres cancións que cantou en rigoroso directo, cun despregamento de voz poucas veces visto nun plató de televisión.

A versión que fixo do "Sabor a mi" de Los Panchos para homenaxear ao matrimonio protagonista da "Canción Dedicada" foi deses momentos que valerían para impartir docencia sobre dominio dun momento televisivo de máxima altura e emoción. Unha emoción que continuou inmediatamente na entrevista que lle fixen, onde Ruth Lorenzo se espíu totalmente para falarnos dos seus problemas de toda a vida coa anorexia e a bulimia, un tema case tabú do que ninguén quere falar e do que ela fala e mesmo dá charlas en centros de ensino para axudar a adolescentes que como ela puideran estar pasando por ese calvario. Ruth conseguíu que no plató se cortara o silenzo e nos deixase a todos sen palabras; o público espontáneamente brindoulle un sentido aplauso deses que saen do corazón.

Ruth estivo tamén simpática cando había que estalo, colaborando co humorista Pepe Capelán e entrando ao trapo en todo o que se lle pedíu. Iso chámase profesionalidade e grandeza, como grande xa estivera cando representou a TVE no Festival de Eurovisión, onde deixou para a historia do ESC unha das mellores interpretacións que se recorden, cun alarde de voz que ninguén discutíu e que merecía que o seu "Dancing in the Rain" acadara un moito mellor posto, nunha edición na que todas as papeletas daban como vencedora a Conchita Wurst, como así foi, que marcou co seu reivindicativo "Rise like a Phoenix" un fito europeo e un gran canto á tolerancia, sendo recibida no seu país, e polas máximas autoridades austríacas, como unha heroína para logo conquistar toda Europa.

E de Europa sabe tamén moito Ruth Lorenzo, que comezou a súa andadura triunfal no Reino Unido para logo virse á súa terra onde quixo e quere ser profeta, e abofé que o está conseguindo, non soamente polo éxito do seu disco "Planeta Azul", con fermosas cancións da súa autoría, senón polas impresionantes actuacións no concurso "Tu Cara me Suena", onde deixou claro que a súa potente e educada voz pode a chegar a rexistros inimaxinables.
Gracias Ruth por ter estado en "Bamboleo", gracias en nome do equipo ao que cativaches coa túa profesionalidade e a túa simpatía, e gracias sobre todo por espirte en nome de todas esas rapazas e rapaces que sofren por culpa de trastornos da conducta alimentaria e que atopan en tí unha porta aberta á esperanza. Gracias. 

Te puede interesar