Opinión

Sábado de piñata

Cun vergalleiro de Sarreaus.
photo_camera Cun vergalleiro de Sarreaus.

Teño que confesar que este ano non me puxen a perruca multicor que hai uns anos tiven que mercar aceleradamente, recén chegado de Vigo, para poder andar polas rúas ourensás sen facer o ridículo vestido de paisano. Daquela, entrei nun almacén da rúa Santo Domingo e atopei algo que podía reconciliarme con estas festas que tan intensamente vivín durante moitos anos, facendo a miña homenaxe particular aos reis do glam, tipo David Bowie.

Teño que recoñecer que a miña partida de Ourense, hai xa case trinta anos, desconectoume bastante do que para min sempre foran unha das datas máis agardadas do ano; por moito que Allariz nunca estivera no centro de atracción turística do Entroido, como xa o era a veciña Xinzo de Limia, sí que mantivemos o espírito das “mascaritas” naqueles bailes memorables do Casino nos domingos e martes de Carnaval, onde a gran diversión era estar toda a noite coa cara tapada, ata que a última hora, cos pés rebentados e coa cara feita un mapamundi, descubrías que estiveras bailando sen sabelo coa túa mesma nai, ou co teu mellor amigo, que conseguira enganarte co seu disfraz de hawaiana, subido nuns tacóns imposibles dos que se acordaría durante toda a semana.

Cando xa non se celebraban estes bailes na miña vila, e o Entroido viñérase a menos, a pesares do esforzo duns cantos mozos alaricanos por revivir “As Charrúas”, eu andaba pola capital co Grupo “Brasas” actuando en diferentes escenarios como o do Pazo de Ramirás, onde nunca faltabamos ao gran baile do Sábado de Piñata. E aí aproveitaba de novo ese espíritu carnavaleiro que herdei de miña nai e, entre canción e canción, podía aparecer vestido de charro mexicano cantando o “Prisionero de tus brazos” de Antonio Aguilar ou recrear, con algún vestido e perruca que me prestara a miña querida amiga Maribel de Allariz, o “Como yo te amo” da gran Rocío Jurado. E acórdome especialmente destes disfraces porque conservo fotos deses momentos no Club de Tenis, e sérvenme para botar unhas risas cos amigos cando desempoamos algúns destes álbumes que conservo como ouro en pano. Coincidiredes comigo en que non é o mesmo darlle unha visual a estes imperecedeiros recordos impresos que a eses milleiros de fotos que agora temos almacenadas nos ordenadores ou nos móbiles ás que non lle facemos demasiado caso, porque nin tempo temos para seleccionalas e metelas nas carpetas adecuadas.

Había que aproveitar moito aqueles Sábados de Piñata, aínda que fora actuando, porque sentías que o “Carnaval” marchaba e había que agardar outro ano para volver “quitar a careta” que todos levamos posta o resto do tempo. Por iso eu entendo perfectamente cando vexo esas imaxes da TVG nas que moitas persoas se emocionan cando visten os seus traxes de peliqueiros, pantallas, cigarróns, vergalleiros, felos, boteiros, mecos, choqueiros, merdeiros, charrúas e un longo etcétera, e falan emocionados dos seus sentimentos ao lucilos, e da tristura que senten cando, co corpo completamente desfeito, teñen que colgalos ata o ano que vén.

Estes días había máis ganas que nunca de Entroido, e notouse, non tanto no turismo doutros tempos, como na explosión de xúbilo dos veciños das aldeas, vilas e cidades nas que estas festas se viven cada vez con máis intensidade. Eu, aínda que non atopei a perruca “glam” para ir xantar coa familia a Allariz, púxenme un “chapeau” de ala ancha, e levei orgulloso da man á miña afillada Sira vestida de “Tanxugueira”.

Te puede interesar