Opinión

San Benito

Os nenos de hoxe en día non botarán moito de menos que este ano San Benito quede sen festas. Aínda que as houbera, non levarían xa unha semana agardando a que chegasen aquelas furgonetas dos "tiros" que eran as primeiras en instalarse na Barreira, cos seus agasallos pendurados de cintas de papel e con aquelas escopetas que según dicían os máis entendidos estaban trucadas. Igual tampouco botarían de menos o marabilloso arrecendo que proviña da sempre impecable churrería "Lolita", que con toda a súa prole rexentaba tamén as "Barcas Voladoras" que, para os que nos mareabamos nelas e nin sequera montabamos gratis "de contrapeso", tiñan o valor engadido de poñer a todo volume os grandes éxitos musicais de Los Brincos ou Los Canarios. Os nenos de hoxe levan todo iso, e máis, nas "playlists"  dos seus teléfonos móbiles. Tampouco irían "atracar" cada pouco aos seus pais para que lles mercasen rifas da tómbola "Maribel del Puente", porque prácticamente todos os agasallos que se ofrecían nela podes adquirilos hoxe tirados de prezo na tenda asiática de turno, con reproducións máis ou menos logradas do "Perrito Piloto" ou da tan cacarexada "Chochona", publicitada a todo volume por aqueles xóvenes mestres do micrófono. Tampouco agardarían con inquedanza a chegada de "Camarero" cos seus autos de choque, aproveitando os primeiros momentos de posta a punto nos que por unha ficha podías fartarte de conducir e mesmo esnafrarte; e cando quedabas sen fichas sempre tiñas o consolo de botar unhas risas vendo como os máis "chulitos" mazaban a topetazos ás parellas de rapazas mentres soaba de fondo a música de "Fórmula V". Recordo que en máis dunha ocasión a comisión de festas tiña que mandarlles baixar o volume a algunha destas atraccións para que se escoitase á orquestra, tipo "Kalú 96" de Lugo, que daquelas levaban unha amplificacicón bastante modesta; ata que chegaron as grandes formacións como a "Gran Parada", "Los Satélites" ou a "Sintonía" de Vigo que xa xogaban en liga de campións, comezando as súas actuacións con auténtica exhibición de "ferretería" interpretando o "Pasodoble de Ponteareas" ou "El Sitio de Zaragoza", que deixaban aos nosos maiores abraiados.

Os nenos de hoxe non quedarían pasmados diante daqueles escenarios de madeira que flanqueaban a capela do Santo, onde ían montando e probando todos os instrumentos, con preferencia para aquelas baterías nacaradas que nos deixaban alucinados. Houbo un tempo nos que este instrumento foi substituído polos teclados e  caixa de ritmos que daban a impresión de levar gravada toda a música. Eu sei dunha orquestra, que xa non existe, na que as rapazas que a compoñían non colleran un "baixo" na súa vida, pero ao dicir dos seus representantes "quedaban moi guapas no escenario". Un auténtico despropósito.

Xa eran momentos nos que os nenos non agardaban tampouco polos carritos de xelados de "La Ibense" ou de "El Cortijo", e nin sequera pola montaxe dos "caballitos" e das "cadeas", nas que os xóvenes operarios se cebaban coas guapas de turno dándolle mil reviravoltas.

Este ano os altavoces deses caballitos non entorpecerán a novena, nin a saída do Santo "Patrón" de paseo polas rúas da Vila, pero para aqueles nenos de entón, cheos de ilusión cada 11 de xullo, un simple repique de campás ou unha ducia de bombas de palenque recordaranos como cada ano que "San Benito é San Benito".

Te puede interesar