Opinión

San Xosé

Fonte de cabrito asado.
photo_camera Fonte de cabrito asado.
Tal como están os tempos hai que ir celebrando o que se poida

Aínda que non é festivo na nosa Comunidade, o certo é que en moitos fogares segue celebrándose esta data como se celebraba en tempos, non como o Día do Pai, que como case todas estas efemérides foron inventadas polos grandes almacéns para vender colonias a “tutiplén”, daquelas “Varón Dandy” e hoxe das que anuncian en francés a prezos desorbitados.

O San Xosé tiña marabilloso recendo a cabrito asado e o “brazo de xitano”, coa constante trasfega de moitas nais coa bandexa na cabeza camiño do forno para que o prato principal do xantar soubera a gloria bendita, cousa que sucede con todos os manxares cociñados en fornos de leña. Eu tiven clara esta diferenza nunha ocasión na que me convidaron a un atracón de “chuletillas de cordero” en Segovia preparadas sobre brasas de “sarmiento”; xúrolles que ceamos chuletillas como se non houbera un mañá. Pois isto mesmo pasaba e pasa co cabrito e outros manxares, e aínda que xa non se ven esas procesións de mulleres cara o forno, aínda quedan amantes do bó sabor que seguen mantendo a tradición.

Como tradición era que os Pepes convidaramos ao vermú a toda a pandilla, daquelas a sesión vermú era un ritual de cumprida obriga en domingos e festas de gardar, fora a pau seco ou, no caso dos máis ousados, acompañado de xenebra ou viño branco por se a algún lle parecía pouca a graduación. Eu non sei canto lle deixaba de marxe de ganancia aos taberneiros aquela beberaxe, porque os vasos de tubo enchíanse ata o bordo, o que implicaba que se facías unha pequena rolda polos bares da Vila chegabas xa medio “perxudicado” á casa para a comida do teu Santo. Daquelas eramos moitos Josés de primeiro nome.

E claro, o viño da comida non era do mercado a granel para diario, o que chamaban “viño de Verín”, era embotellado e de marca; e por se faltaba algo non hai máis que botarlle unha ollada a algunhas desas fotos que todos conservamos feitas á hora dos postres, co susodito brazo de xitano, os “hojaldres”, os “borrachos”, o roscón, e algunha outra larpeirada feita na casa, e onde aparecían enriba da mesa toda clase de licores con ou sen etiqueta, daquelas o licor café e as “herbas” non tiñan marca que se soubera, os ponches, os coñacs, o pipermín, o Licor 43, e todo canto había naquel moble bar que presidía a sala principal, e que atesouraba aquela vaixela, a cubertería e a cristalería que toda nai gardaba con primor para esta e outras festas, como a do día grande de San Benito.

Era o día de redescubrir aqueles manteis que a túa nai ou a túa irmá bordaran con toda delicadeza e paciencia anos antes, e que engalanaban a mesa como se dunha recepción oficial no Palacio Real se tratara. Ben é certo que sempre había unha copa de viño tinto traidora que rachaba e poñía a nota discordante entre tanto boato, con gran desgusto por saber que xa era irrecuperable. Ben é certo que daquelas todo se mercaba “ao grande”, como se tiveramos 24 convidados a xantar tódolos días. A vaixela, con tantos pratos, fontes, xogos de café, de almorzo, salseiras e sopeiras que nunca na vida se utilizaban, ocupaban prácticamente todos os departamentos do famoso “moblebar”, a xogo coa mesa de comedor despregable, e o “tresillo” de skay marrón que tiñan e teñen máis duración que tres xeracións seguidas.

Xeracións, que moitas delas, hoxe ou mañá domingo, reunirémonos para celebrar o San Xosé ou o Día do Pai, presente ou ausente, porque tal como están os tempos hai que ir celebrando o que se poida.

Te puede interesar