Opinión

O Sâo Joâo no Porto

 

 

En tanto tempo que levo convivindo cos portugueses aínda tiña unha asignatura pendente, a de celebrar cos "tripeiros" a súa festividade máis soada, a de Sâo Joâo, coa noite máis longa e máxica. Nesa data é cando o Porto é máis Porto, porque a pesares dos moitos turistas que cada día a visitan, nese 23-24 de xuño non hai ninguén que quede na casa, e se non reservas con anterioridade terás complicado poder cear as sardiñas, o entrecosto, os pementos asados ou o caldo verde nun magnífico ambente moi difícil de atopar en calquera outra época do ano, nunha cidade chea de fume e arrecendo que mantén vivas as tradicións pagás que no seu día o catolicismo santificou. Porque nesta "brincadeira muito engraçada" todos os nativos e visitantes van cun martelo de plástico na man dándolle golpiños a todo canto descoñecido atopan pola rúa, reconvertendo os "alhos-porros" como simboloxía fálica de fertilidade masculina, do mesmo xeito que aínda manteñen a herba de cidreira como símbolo do pube feminino ou as macetas de "manjerico" con versos populares que che venden en cada curruncho da cidade. 

Nesa noite naide quixo pensar que ao día seguinte a prima de risco saltaría polos aires por culpa do tan temido "brexit" dos "fillos da Gran Bretaña", nesa noite, ao igual que en Galicia, nos barrios máis tradicionais fanse fogueiras coas que se espantan os males, libérase o estrés e invócanse aos bós espíritos, mesmo botando ao aire os globos luminosos de aire quente, mentres nas Ribeirinhas, a de Porto e a de Gaia, baixo a ponte de Luiz I ten lugar unha exhibición de fogos artificiais sobre as augas do Douro, surcado por ducias de barcas engalanadas e iluminadas que fan que a escea aínda sexa máis máxica; fogos con banda sonora que nesta edición incluíu pezas de AC/DC, Pink Floyd, Scorpions, Guns N'Roses, Rolling Stones e Queen. Todo un luxo, como luxo foi atopar unha mesa libre para disfrutar do espectáculo mentres catabamos un excelente viño doce, como non podía ser doutro xeito.

En ningún momento do ano hai tanta música e tanta animación nas rúas do Porto, con esa amabilidade que caracteriza aos portugueses de a pé, cunha Avenida dos Aliados ateigada para disfrutar do lendario grupo "Xutos & Pontapés", grupo do que eu posúo algún L.P. e moi agardado por levar tempo sen dar concertos no norte do País, e porque levan 36 anos facendo rock en portugués; mentres as praias da Foz se preparaban para acoller aos máis trasnoitadores que desexan amencer refrescando corpo e mente cos aires do Atlántico. Eu prefiro espertar  tranquilamente na miña casa e lavarme a cara, como sempre fago, coa mestura de flores e herbas aromáticas que previamente quedaron ao relente coas que purificar todo o que sexa purificable. 

Hoxe venres, cando esto escribo, teño outra cita musical no Porto coa banda de rock "GNR" que actúa tamén nos Aliados, e hoxe sábado, cando vostede me estea lendo, xa estarei listo para "bambolear" con Guillermo Castro, todo un mestre das bachatas, co xoven murciano Xuso Jones, co Grupo Tromentelos e coa Orquestra Compostela.

Te puede interesar