Opinión

Seguimos "tanxugando"

O grupo galego que opta a Eurovisión “Tanxugueiras”.
photo_camera O grupo galego que opta a Eurovisión “Tanxugueiras”.

Os cursos acelerados de galego están aumentando á velocidade dun furacán albabético, e todo é por poder chegar ao “Benidorm Fest” pronunciando con máis ou menos corrección a palabra “Tanxugueiras”. Se queredes botar unhas risas, recomendo ver algúns vídeos que circulan polas redes sociais protagonizados por eurofáns europeos tentándoo unha e outra vez, xúrovos que non teñen desperdicio.

O primeiro que fixen onte venres foi abrir o ordenador para desfrutar enormemente co novo vídeo do cantante murciano “Muerdo”, noutrora upado polo gran Luis Eduardo Aute cando autoeditou o seu primeiro disco; Pero teño que dicir que o meu gozo veu motivado fundamentalmente porque en “Cambia Todo”, que así se titula a canción e videoclip recén estreados, aparecen cun protagonismo total e absoluto as nosas “Tanxugueiras”, que xa pasaron de ser o fenómeno musical do momento a converterse en todo un fenómeno social. Fálase delas, e ben, en todos os puntos de España, e seguen tendo moitos boletos para levarse o triunfo en Benidorm, que xa está aí, con permiso de Rigoberta Bandini, que ao dicir dos expertos será unha dura contrincante co seu tema “Ay Mama”. Non está nada mal o tema da artista catalá, é unha desas cancións que en canto a escoitas un par de veces xa non che sae da cabeza. De calquera xeito as Tanxugueiras son moito Tanxugueiras e agardamos que a interpretación en directo e a posta en escea deixen a todos os españolitos cos ollos ben abertos, porque aos galegos xa hai tempo que nolos abriron. Vanlle chover as peticións para facer colaboracións musicais con grandes artistas, eu xa sei dalgunha que está gravada, pero por aquelo da discreción que me pediron non vou comentar. En canto pase a criba de Benidorm sairá ao mercado con toda seguridade.

Dirán vostedes que son moi pesado falando tanto deste acontecemento musical, pero ao igual que cando hai sorteo para a final da “Champions”, agardabamos con expectación o que TVE fixo público esta semana, a semifinal onde actuará cada grupo ou intérprete en en que orde, correspondéndolle as nosas queridas cantoras a primeira semifinal. Era algo previsible o de colocar as grandes favoritas en eliminatorias diferentes, para que logo se atopen na gran final.

Mal sabían as nosas Aída Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro que cando alá polo mes de febreiro do ano pasado, en plena promoción de “Midas” lle comentabamos no “Bamboleo” da Radio Galega a posibilidade de presentar un tema similar para Eurovisión, que iso ía ser unha realidade despois de que “Figa” impactase entre todos os eurofáns seguidores fieis da páxina “Eurovisión-Spain.com”, que refrendaron a aposta de Damián Cortés e a miña propia elexindo dito tema entre cen intérpretes consagrados de todo o panorama musical español. Tampouco é casualidade que algúns dos máximos responsables desta páxina eurovisiva, referente en toda Europa, sexan galegos.

Despois foi todo un camiño de frores, porque as Tanxugueiras xa soamente tiveron e teñen que facer unha cousa, seguir sendo elas mesmas, cantar e tocar como elas saben, seguir mantendo ese sorriso e esas gargalladas cativadoras e sorprender a España, e agardo que a toda Europa, con esa “Terra” que para a inmensa maioría dos galegos e galegas significa poñer o noso idioma e a nosa culutra nun mapa enorme que nos fai sentir moi orgullosos.

Te puede interesar