Opinión

Sempre quedará "San Remo"

Mahmood e Blanco, gañadores de San Remo.
photo_camera Mahmood e Blanco, gañadores de San Remo.

Penso que de tanto enfado que collín co “Benidorm Fest” polo “affaire Tanxugueiras”, precisaba dunha terapia que me reconciliara cos concursos musicais. E nada mellor que darse unha enchenta de bo espectáculo ao máis puro estilo italiano, vendo as “seratas” da nai de todos os concursos, o gran “Festival della Canzone Italiana di SanRemo”, de onde no seu día copiaron o modelo para organizar o Festival de Eurovisión alá polos anos 50, onde a canción gañadora en San Remo representaba aos italianos no Eurofestival, ata que sufriron a afrenta de ver como o seu adorado Domenico Modugno quedaba con cero “points” en Luxemburgo no ano 66 co fermosísimo tema “Dio come ti amo”; a partir de aí a relación de Italia co Eurofestival tivo moitos desencontros, deixando varios anos de participar no mesmo. A súa volta no 2011, con intérpretes e cancións saídos dalgunha das seccións que compoñen “San Remo”, foi todo un acontecemento para os eurofáns, e Italia volveu situarse nos postos de cabeza ata gañar novamente o “Song Contest” o ano pasado co grupo Maneskin, que lle permite ao país da bota organizar en Turín o festival deste ano.

“San Remo” segue a ser un certame absolutamente clásico, á marabillosa vella usanza, no Teatro Ariston, con presentadores de talla como o gran Amadeus, que se acompañou nesta ocasión con presentadoras incribles como a sempre guapísima e estupenda Ornella Mutti, bautizada como a “Regina della Prima Serata”, isto é, da primeira das cinco noites que dura o festival, onde os artistas participantes van actuando, ás veces mesmo acompañados doutros cantantes, e van obtendo puntos nun sistema de votación, ás veces difícil de entender, pero que non dá pé a pensar en ningún momento que pode haber tongo. Quen gaña faino despois de ser votado por un xurado da prensa, un xurado demoscópico composto por 1000 persoas, e por suposto un televoto que é absolutamente decisivo.

E cando digo que é un festival marabillosamente clásico, dígoo porque é un certame de música e voz, sen artificios especiais nin coreografías que complementen a actuación; todo elo presidido pola Orquestra Sinfónica da RAI, que acompaña a todos os artistas, dando igual se a canción é unha romántica balada ou un rock puro e duro; sempre hai momentos para que os violíns ou calquera outro instrumento complementen e engrandezan a peza musical, e por suposto cuns coros en directo impecables. Xa se encargan ben os realizadores de amosar cada instrumento e cada apoio vocal; un luxo para os oídos e para os que amamos a música en directo. Eurovisión hai tempo que renunciou a ser un concurso musical, parecéndose moito máis a un certame de videoclips, con música e coros pregravados, que a un concurso de música e voces, dando lugar a que moitos dos artistas case nin abran a boca e se limiten a executar coreografías máis ou menos impactantes. E diso sabemos bastante últimamente por estes lares.

San Remo volveu paralizar Italia, arrasando en audiencia televisiva, con datos alucinantes entre a xente máis nova, con artistas noveles e tamén consagrados, como a gran Iva Zanicchi, e víu triunfar de novo a Mahmood, que co seu “Soldi” acadara o segundo posto en Eurovisión 2019; e este ano non teñades ningunha dúbida de que el, xunto co xoven “Blanco” e a canción “Brividi”, ocuparán os primeiros postos en Eurovisión, ou mesmo volverán alzarse co “Micrófono de Ouro” de gañadores.

Te puede interesar