Opinión

Sempre quedará "San Remo"

Que gozada para os amantes da música poder gozar do Festival de San Remo! En Italia todo artista que se prece ten que pasar nalgunha ocasión polo Teatro Ariston, sexa como concursante ou sexa como convidado. E se non que llo digan ao grupo de rock “Mäneskin” que despotricaban contra o festival e logo foron quen de gañalo e mesmo triunfar en Eurovisión, ampliando a súa popularidade por todo o mundo, onde xa eran aclamados polos seus seareiros, como os que acudiran a velos ao Monte do Gozo no 2018, na hora intempestiva da sobremesa. E de aí a conseguir varios premios MTV e mesmo ser nominados aos Grammy foi todo coser e cantar.

É verdade que non puiden ver en directo todos os días da semana as retransmisións nas que San Remo se converte na gran cita da música italiana; son moitas horas para escoitar as 28 propostas que chegan á final despois de pasar por diferentes etapas de martes a sábado, recibindo puntuacións de diferentes xurados, e mesmo facendo duetos con artistas tan consagrados como Eros Ramazzotti. Tamén con momentos para a polémica como cando o rapeiro Fedez lanzou mensaxes contra a ultradereita do governo italiano; ou o gañador de San Remo 2022, o xoven Blanco, esnaquizou o decorado, patexando toda canta rosa atopaba ao seu carón por non escoitarse ben a través dos seus “in ear”. Logo pediría perdón, pero vendo as imaxes que aí quedan para a posteridade é como para darlle un bofetón ben dado por neno consentido e estúpido. Como sempre, a gran orquestra do festival deu unha lección de profesionalidade ao non inmutarse e seguir tocando ata o final da canción como se non pasase nada; unha orquestra e uns coros que son fundamentais en San Remo, onde a música é as voces son , como ten que ser, en riguroso directo por moi actual e complicada que sexa a canción. Iso é respectar e amar a música e o demais é conto, como pasa con Eurovisión que se está convertendo nun festival de videoclips.

Impecable como sempre a presentación de Amadeus, director do festival, acompañado entre outros pola “influencer” Chiara Ferragni e o mítico Gianni Morandi, ben recordado e querido en España onde triunfaba con cancións como aquela “Linda Belinda” dos anos 70.

San Remo volveu arrasar en audiencia televisiva, con un 60% de cuota de pantalla e unha media de doce millóns e medio de espectadores, chegando por momentos á mareante cifra de 16 millóns; sendo nesa semana en Italia monotema mediático. Por primeira vez nesta edición contou coa asistencia do presidente da República Sergio Mattarella; e como convidados ao longo das “seratas” estiveron entre outros Albano, Achille Lauro, Nek, Ana Oxa, Massimo Ranieri, Mahmood ou Eros Ramazzotti. Todo para ver gañar na gran final, por segunda vez, a Marco Mengoni co tema “Due Vite”, dez anos despois de facelo con “L’essenciale”, coa que foi a Eurovisión. Era o gran favorito desta edición de San Remo cunha fermosa balada que deixará  en moi bo lugar a Italia na cidade inglesa de Liverpool, onde este ano se celebra o Eurofesival ao non poder celebrarse en Ukraína, país gañador do ano pasado.

Tamén é un inmenso pracer ver como Italia rende tributo en cada edición ás súas lendarias figuras, convidándoas a que pasen polo festival moitos anos despois, como foi o caso nesta ocasión de Gino Paoli e da gran Ornella Vanoni cantando en directo “L’Apuntamento”. Todo un luxo.

Te puede interesar