Opinión

Sesión vermú e titiriteiros

O SON DO PIÑEIRO

Non, non vou falar do programa de radio que durante moito tempo tantas alegrías me deu e creo que din. Falo do ritual de tomar o vermú, ou algo que se lle pareza, nestes días de confinamento nos que gusto de alongar a mañá para que a tarde sen sesta non se faga eterna. Redescubrín moitos anos despois o pracer de utilizar a miniterraza da que dispoño e que me permite ver un cachiño de ría co Morrazo ao fondo e outro cachiño do monte do Castro, pasando a vista polos tellados dos edificios onde cada día ás oito da tarde, na hora dos aplausos, vou descubrindo xentes ben próximas ás que descoñecía desde hai máis de vinte anos, e que agora nos saudamos como se foramos amigos de toda a vida. Somos ben pámpanos os humanos.vermu

E como queira que tiña pensado volver a Andalucía esta Semana Santa, cousa xa imposible, mentres entro en ambiente co disco de Paco de Lucía ao que lle teño devoción, alterno por días o vermú, moi rebaixadiño, coa “manzanilla”, ese viño andaluz que saboreo nos cataviños que me regalou o meu amigo José Carlos Villar, un dos médicos, agora xubilado, máis queridos e recoñecidos da UCI do hospital ourensán; e ese “Montilla Moriles” vai acompañado das obrigadas aceitunas, as “patatillas” como din en Vigo, e os froitos secos á falta dunhas gambiñas de Huelva polas que devezo. Sempre recordo unhas das últimas viaxes ao Algarve portugués que, farto de tanta “cataplana”, crucei a fronteira de Ayamonte para gozar do sol da primavera andaluza, cuns liscos de xamón ibérico de “falar con Deus”, uns pementos con bonito do Cantábrico e as conseguintes gambas recén collidas polos mariñeiros onubenses. Son eses pequenos praceres da vida que ás veces te podes permitir, e que este ano botarei moito de menos, despois dun inverno de catarros e virus tolos.

Contar isto pode parecer unha frivolidade para o momento que estamos pasando, con situacións ben dramáticas; pero se non lle quitamos ferro ao asunto tratando de facerlle caso a ese dito de que “se a vida che dá limóns fai limonada” estamos perdidos. Eu agradézolle moitísimo a toda esa xente que a través das redes sociais ou da televisión fan cada día un esforzo importante por quitarnos un sorriso, para que desconectemos un chisco da dura realidade cotiá. Nunca tanto precisamos dos nosos “titiriteiros” , a quen rindo sentido homenaxe. Por eles tamén brindo cada día, como brindo por todos quenes dan o mellor de sí para que nós esteamos o mellor posible. Se nunca me cansei de agradecer todo o traballo do equipo sanitario que me atendeu e me sigue atendendo desde que o mieloma quixo convivir conmigo, imaxinen o que podo agradecer agora cando moitos e moitas deles e delas se xogan a vida cada vez que se enfundan as batas, os guantes e as máscaras para dar vida e esperanza a todos os que a precisen, sexa nas propias casas dos doentes ou sexa nos centros hospitalarios que, por fin, e agardo que todos, teñen a televisión gratuita para os pacientes, cousa que reivindiquei en “Luar” nada máis sair do hospital, por ser moitas veces a mellor compaña dos enfermos e a ventá pola que poden ver o mundo exterior informándose e divertíndose. Hoxe, no “Bamboleo”, sen público no plató, tamén trataremos de contribuir a sacarlles un sorriso a quen máis o precise.

Te puede interesar