Opinión

Son latino

Despois de tantos anos presentando orquestras nos meus programas de televisión algo se tiña que contaxiar, e o certo é que nas miñas preferencias musicais as cousas cambiaron nos últimos anos. Sen renunciar ós meus gustos de sempre, que van desde Elton John ou Birdy ata Madonna ou Dulce Pontes, pasando por moitas das cancións e artistas que compiten en Eurovisión ou os grandes clásicos de toda a vida, incluídos por suposto moitos galegos, vou obsevando como cada día estou máis enganchado ós sons que nos chegan desde o outro lado do Atlántico. Non hai tempada que algunha das orquestras non me sorprenda con bachatas ou cumbias dignas de engrosar a lista de cancións que ocupan a maior parte da capacidade do meu móbil. Gracias a elas descubrín a Américo, ó "Grupo 5" do Perú ou á "Banda XXI", e con eles un montón de melodías que me acompañan alegremente nos moitos quilómetros que fago á semana.

Veñen a completar aquela primeira militancia nos tempos nos que cheguei á Radio Galega, onde descubrín a unha das miñas musas, Ana Gabriel, ou a tantos artistas ós que lle entendo o que cantan, desde Alejandro Fernández e Thalía ata Astrid Hadad, Los Tigres del Norte, La Sonora Dinamita ou Paquita la del Barrio, con quen tanto me río. Gustoume moito comprobar na miña visita a México como nos locais de copas a xente máis nova bailaba e coreaba as cancións de moitos dos seus intérpretes, desde a divertida Paulina Rubio ata aquela Yuri que nos cantaba o de "pasa ligera la maldita primavera", nuns "antros", que así lle chaman, ateigados de xente que teñen o bo costume de iniciar as sesións de divertimento ás oito da tarde, non como nestas terras onde hai que agardar ata a madrugada para que os garitos teñan algo de vida; e aínda que un xa non estea para moitos trasnoites, de cando en vez aínda apetece ver como respira a multitude.

Eu confeso que xa soporto bastante pouco o chunda chunda co que se esmera máis dun Dj. amigo cada sábado pola noite, e busco no marabilloso YouTube eses temas que fan mover o esqueleto a millóns de persoas a un lado e ó outro do gran charco; desde os temas que Almodóvar foi incorporando ás súas películas como o marabilloso "Pecadora" de Los Hermanos Rosario que tan ben bailaba Bibí ou as cancións de Chavela Vargas, ata os grandes éxitos de Diego Torres, Carlos Vives, Bruno & Marrone, Chayanne ou Ana Bárbara.

Os que me coñecen saben que a miña viaxe a México foi moi importante no xeito co que agora miro cara Latinoamérica, sinto moito que as noticias que nos chegan desde aquelas terras sexan na maioría dos casos relacionadas co crime organizado, facéndolle inxustiza a unha xente amable e acolledora, cunha mestizaxe que lles permite ver o mundo doutro xeito. Quedei con ganas de volver, e de quedar máis tempo entre eles, coñecendo a súa cultura, os seus costumes, as súas paisaxes e esa música da que tanto gusto, sexa un corrido mexicano, unha cumbia colombiana ou o "Más que tu amigo", canción da que teño versións desde Tito Nieves ata Marco Antonio Solís, pasando por Alex Stella y La Kexú. Escoitádea e xa me diredes se non vos entran ganas de bailar aín- da que sexa coa aspiradora. 

Te puede interesar