Opinión

Tamara Pérez

Esta volta á columna dos sábados quero dedicarlla a unha estupenda muller coa que teño compartido e comparto momentos importantes tanto na televisión como enriba dos escenarios. Fálolles de Tamara Pérez, presentadora, reporteira, cantante, compositora e todoterreo ben coñecida polo público ourensán, polo seu excelente traballo en diferentes programas de “Telemiño”, onde é quen de entrevistar na rúa a todo o que se lle poña por diante en tono dicharacheiro, cousa ben complicada ás veces, como estar á fronte de programas máis sesudos feitos en plató e onde ela leva todo o peso da conversa. Iso é versatilidade e iso é oficio.

Un oficio aprendido cos anos, aínda que falemos dunha muller moi nova, con moito escenario enriba do lombo desde os 15 anos, tanto nas diferentes orquestras das que ten formado parte como ao lado do gran Miguel Araujo, músico con quen forma o "Soul & Roll", ofrecendo un estilo de música moito máis persoal e coa que ela sente máis identificada. Unha muller que ten como lema "ser constante para abrir portas", e abofé que a súa posta en práctica lle está dando uns froitos magníficos, tanto é así que agora mesmo aparece estupenda en dous programas de Televisión de Galicia, a diario polas tardes, e compartindo presentación con Duarte Galván, que este verán fixo o tour diario do "Aquí Galicia", co que percorre todo o país conseguindo que a xente participe nas divertidas provas de “O Porquiño polo que vale” que lles poden facer gañar un xamón.

E teño que falar lóxicamegte da súa incorporación ao querido "Bamboleo", onde desde o primeiro momento deixou claro que está cómoda e feliz ao meu lado, sendo recíproco ese sentimento de cariño e profesionalidade. Tamara ten moito e bó que ofrecer na televisión, tivo unha aprendizaxe fantástica en Ourense, demostrando como digo eu sempre que as cousas non son regaladas e que hai que esforzarse moito en cada traballo, e neste caso concreto para dar credibilidade e transmitir a través da cámara, e Tamara transmite e moito. Isto puiden comprobalo máis directamente sen a presión das cámaras cando compartimos a presentación no Teatro Principal da "Gala Ourense con Ecuador", onde prácticamente sen ensaios previos nen un guión moi marcado conseguimos entre todos os participantes facer un acto cheo de emocións e solidariedade da boa, e onde tanto La Región como a Deputación Provincial, ao lado da Delegación de Misións, puxeron todo que había que poñer para que resultase un éxito de convocatoria, e por suposto unha axuda importante para os daquelas compatriotas ao outro lado do Atlántico do meu querido Manolo Rodicio, que agora, para alegría propia e dos meus veciños, exerce felizmente de párroco de Allariz.

Tamara Pérez deixou tamén unha pegada importante no seu paso polos "Recantos” de “Luar", programa ao que volveu en varias ocasións para interpretar diferentes temas, mesmo algún de composición propia, com o "Tatuados no tempo", acompañada da súa guitarra acústica que lle dá esa imaxe chea de forza da que eu tanto gusto.

Como gusto de apoiar sempre que podo a todas esas persoas que loitan desde pequenas por un soño. E os soños moitas veces cúmprense, dígollo por experiencia.

Te puede interesar