Opinión

“Tanxugueiras” a Eurovisión

As integrantes de “Tanxugueiras”, nunha imaxe promocional.
photo_camera As integrantes de “Tanxugueiras”, nunha imaxe promocional.

Permitídeme que nesta ocasión colgue a medalla que me acredita ser o primeiro que reivindicou “urbi et orbi” ás “Tanxugueiras” para que nos representen en Eurovisión. Isto fíxeno en canto publicaron o seu penúltimo video “Midas”, que nos deixou a todos coa boca aberta, como acaban de facer agora con “Figa”, adiantos do que será o seu próximo L.P, como se dicía antes da era dixital.

A próxima fin de semana entrevisto na radio ás xemelgas Sabela e Olaia Maneiro e a Aída Tarrío, que así se chaman estas terremotos que irrumpiron hai poucos anos no panorama musical galego como un furacán de aire fresco e renovador que estabamos precisando, para continuar co labor xa feito polos Cristian Silva, Susana Seivane, Pauliña, Davide Salvado, Baiuca, Verto, e moitos outros artistas que, partindo do tradicional, arriscaron, con algunha crítica purista de por medio, e fan cantar e bailar no noso idioma a un público que en principio nada tiña que ver coa nosa cultura e as nosas músicas. Agora hai toda unha lexión de xente nova que acode aos seus concertos e que conforman coas súas cancións as “playlist” dos seus “Spotify”.

Pero, de repente, o que parecía unha “piñeirada” euroradiofónica e eurotelevisiva converte a “Tanxugueiras” nun fenómeno de masas ao seren elexidas, entre cen intérpretes e grupos, como a mellor representación que España pode ter no próximo Eurofestival a celebrar en Italia no mes de maio. Esta selección interna foi feita pola páxina de culto “Eurovisión-Spain. com”, con gran alegría para moitos dos seus directivos e colaboradores galegos como o amigo Vicente Rico, e na que votan milleiros de seguidores e eurofáns de toda España, polo que a promoción do single “Figa” acaba de recibir sen buscalo un espaldarazo impresionante para que a música galega de “Tanxugueiras” chegue a todos os puntos do Estado.

Eu no seu día fun máis ousado, e cando berrei o de “Tanxugueiras a Eurovisión” no “Bamboleo” radiofónico e televisivo, engadinlle que xa sería un auténtico luxo que no escenario italiano estivera tamén “Baiuca” coa coreografía montada e executada polo cantante e bailarín Xisco Feijóo, quen actualmente tamén ten no mercado un fantástico disco titulado “Peixe”, outra desas xoias tradicionais e modernas que poñen a Galicia nos máis importantes mapas da industria audiovisual.

Dixen no seu día e sigo dicindo que artistas como “Tanxugueiras” traen sempre con elas unha gran carga de enerxía, positividade, empoderamento e alegría, ao ser tres rapazas de amplo sorriso e gargallada fácil e sincera na vida persoal e profesional. Non é casualidade que neste verán de pandemia, no que moitos e moitas artistas e formacións tiveron que quedar na casa, elas conseguiran facer máis de corenta galas, e iso nos tempos que corren son palabras maiores. E estou convencido de que despois desta lombeirada dos eurofáns, que somos moi militantes da causa, comezarán as chamadas, de feito xa comezaron e moito, de toda a Península e das Illas para que leven a súa música, nun idioma tan universal e melódico como é o noso. Podedes imaxinar o que significaría para os que levamos seguindo Eurovisión desde os tempos de Massiel, que o galego fose o idioma oficial na representación de TVE no festival de festivais. Pois por nós non vai quedar. Tanxugueiras a Eurovisión!

Te puede interesar