Opinión

Tempo de cereixas

Estes días estoume dando unhas enchentas de cereixas de moito nabizo, sexan as de por aquí, ou as portuguesas de Resende, que tanto se ofrecen nas beirarrúas do país veciño. Imaxino que iso contribúe a que non dou baixado a barriga nin á de tres, pero a chamada das picotas é tan irresistible que non hai maneira de dicirlle que non. Xa que as fresas e os fresóns nunca saben a nada, por moi bo aspecto que teñan, maduradas en cámaras frigoríficas mentres viaxan desde os mares de plástico de Almería ata o noroeste peninsular, hai que darse unha homenaxe con esta outra froita vermella que ás veces exhibe un prezo coma se de bolas de ouro se tratase. Un nunca acaba de entender como nun país produtor de tantas e tan marabillosas froitas haxa que pagalas como se as pedísemos nunha tenda gourmet en Estocolmo.

Seguramente nos chaman moito a atención estes prezos desorbitados recordando que na nosa nenez non tiñamos máis que facer unha quedada á hora da sesta, cando non había ninguén vixiando polas hortas, para facer unha rápida incursión na cerdeira ou na claudieira de turno para poñernos bonitos de froita quente, que xa sabemos os efectos inmediatos que iso ten.

Viña sendo o mesmo efecto que cando nos daba por ir ás moras para facer os papabellos, que demostraban que os nenos da época estabamos inmunizados contra o pó que recubría toda a planta, ou os bichos que aniñaban no interior das cereixas con mellor pinta, aínda que sempre se dixo que as que había que comer eran as picadas polos paxaros por ser as máis saborosas. Nunca había que cometer o erro de abrilas antes de comelas, porque o máis normal era que unha boa cantidade tiveran sorpresa.

Chamoume moito a atención nunha ocasión en Amsterdam, nun deses hoteis con máis estrelas que o firmamento, que no almorzo da mañá puxeran entre outra multitude de exquisiteces uns recipientes cheos de cereixas e outros de moras, como algo moi sofisticado; evidentemente a gula puido máis que a prudencia e ataquei duramente tan rico manxar ata que media hora despois fixeron o efecto agardado e foron parar a algún dos canais que rodeaban o magnífico hotel.

Agora boto de menos nas feiras das nosas vilas a aquelas estupendas señoras que baixaban das aldeas coas peras, os figos, as uvas, as cereixas e, por suposto, as riquísimas pavías que agora tanto escasean e que eu descubrín o ano pasado nunha visita que fixen a Chaves, recordando un deses sabores que quedan en ti de por vida; porque se un bo melocotón é “bocatti di cardinale” unha boa pavía “é de falar con Deus”. Prácticamente é imposible atopalas en calquera desas froterías nas que todo está moi ben colocadiño e cunha pinta fantástica, aínda que como dixen das fresas, haxa que botarlle medio quilo de azucre para que saiba a algo.

Para min non hai sobremesa máis rica que algunha froita de tempada, concedéndolle ao melón o privilexio de almorzar con el todos os días do ano, iso sí, ben maduriño e ben doce; nisto confeso ser un experto se están partidos pola metade, con soamente botarlle unha ollada sei perfectamente cal debo levar, sexa de Villaconejos ou sexa da República Dominicana.

Se os nutricionistas sempre din que a froita debe ser esencial na alimentación dos máis pequenos, algo habería que facer, neste país produtor, para que resultándolle rendible ao agricultor, chegue ás tendas a un prezo que lles permita aos consumidores levala a casa sen deixar o soldo do mes.

Te puede interesar