Opinión

Tempo de reencontros

Samil, un dos areais máis frecuentados no verán. (VICENTE ALONSO)
photo_camera Samil, un dos areais máis frecuentados no verán. (VICENTE ALONSO)

É un pracer cando vas pola rúa sen presa e, como digo eu, con tempo para pasmar diante dos escaparates das rebaixas. O certo é que polas mañás sempre gusto de dar unha volta pola fresca, sen rumbo, e comprobar se efectivamente en Vigo vai ser posible que o Cristo da Victoria inaugure a nova Porta do Sol. Falo de Vigo lóxicamente, porque en Ourense a esas horas xa hai que empezar a buscar sombras para o primeiro café do terraceo.

E neses días de “dolce far niente” ata tés todo o tempo do mundo para quitar os auriculares das orellas e facerlle caso a un amable descoñecido que desexa paliquear un chisco contigo, como ocurríu onte mesmo, onde me deixei acompañar  por un simpático señor que me puxo ao día da súa vida en Suiza, onde vive prácticamente desde sempre, fillo da emigración, e pertencente a esa numerosa colectividade que no seu día decidíu quedar no País de acollida dos seus maiores, onde dí sentirse estupendamente, sen intención algunha de volver a Galicia, salvo para pasar as tempadas de vacacións, como a que está disfrutando estes días. 

Evidentemente a conversa foi íntegramente en galego e confesouse seguidor do “Bamboleo” sabatino, e de moitos outros programas da nosa televisión; ese cordón umbilical audiovisual que tantas cousas boas ten feito polo noso idioma, a nosa cultura e polo noso entretemento, que non é cousa menor. Recordo o restaurante do Hospital Español de México DF no que, salvo a esas horas nas que o fútbol arrasa con todo, estaba a TVG posta en cinco monitores, vendo o “Luar” en riguroso directo á hora do xantar por aquelo do desfase horario. Incluso cheguei a verme a min mesmo, e non vaian pensar que non me fixo especial ilusión con tanto mar de por medio.

Pois o que me pasou con este galego-suizo pásame cada verán con amigos e amigas chegados da Arxentina, Uruguay, Alemaña, México, e moitos outros países que no seu día acolleron a tantos e tantos compatriotas e veciños que buscaban unha vida mellor.

E con moitos deles tiven o pracer de compartir unhas horas no Día da Galicia Exterior, celebrado en Santiago, despois de que percorreran coas súas gaitas, os seus tambores e os seus traxes as rúas dunha Compostela ateigada de turistas e peregrinos que gozaron do lindo con todas estas formacións musicais chegadas desde todas as partes do mundo. Agradezo á Secretaria Xeral da Emigración que contara comigo e coa miña compañeira e amiga Lucía Pérez para participar no acto final do día, antes do concerto da gran Susana Seivane; sentimos moi próximos a todos aqueles rapaces e rapazas que en moitos casos era a primeira vez que pisaban a terra dos seus pais e dos seus avós; e sobre todo sentimos o orgullo de ver como en calquera parte do mundo onde hai un galego soan as nosas músicas, os nosos bailes e as nosas cancións.

A Alameda de Santiago converteuse por unhas horas no centro neurálxico da galeguidade, co orgullo de saber que todos tiñamos raices comúns, e que somos quenes somos porque alguén nos criou e educou nos valores máis preciados, neses valores indelebles que pasarán de xeración en xeración, mentres haxa alguén que estea disposto a darlle vida, sexa onde sexa, á Muiñeira de Chantada, ou a un poema de Rosalía.

A todos os que estades pasando uns días de merecido descanso e diversión, desexarvos o mellor, e darvos as gracias polo moito que fixestes e facedes polas vosas familias e por este gran País, que é tan voso como noso.

Te puede interesar