Opinión

As témporas de Pemán

O presidente da Xunta e Pemán, cos premiados das Medallas Castelao.
photo_camera O presidente da Xunta e Pemán, cos premiados das Medallas Castelao.

Con todo merecemento o Goberno Galego acaba de concederlle a “Medalla Castelao” ao querido Santiago Pemán. A bo seguro que se emocionaría tanto como eu me emocionei hai un ano por ser un dos días máis felices da miña vida.

Produce moita tenrura a foto de familia dos galardoados na que Pemán colle do ganchete ao presidente da Xunta; o querido Santiago padece desde hai uns anos unha dexeneración macular que lle impide ver con claridade. Sempre lle agradecerei que fora el quen me presentara ao que foi o seu e meu oftalmólogo de cabeceira durante vinte e moitos anos, ata o seu pasamento, o querido doutor Fandiño, que tan a raia mantivo sempre a miña tensión ocular, cousa que agora segue facendo de xeito impecable o seu fillo José María.

Coñecía a Pemán, como todo o mundo, por ser o primeiro “Home do Tempo” da Galega, cando a información meteorolóxica pasaba de ter un mapa de España como fondo a un mapa de Galicia, un mapa e un comunicador que falaban en galego de isobaras, anticiclóns ou treboadas con non poucos refráns recollidos do acervo popular, e coas súas famosas “témporas” das que nos segue falando nas súas aparicións en “Luar”, e que deixou para a historia o seu famoso “Ata mañá” que miles de galegos usamos para despedirnos ao ir á cama.

De todos é sabido que Santiago Pemán, a quen ata Ana Kiro lle compuxo unha canción, era piloto de aviación, pero por esas casualidades da vida converteuse nunha das primeiras caras visibles dunha Televisión que lle quitaba a vergonza de falar galego a milleiros de compatriotas. Ten confesado moitas veces que á hora de facer a previsión do tempo, os seus primeiros “colaboradores” eran mariñeiros ou labregos anónimos, que soamente con mirar ao ceo ou ao mar xa sabían co que contaban ao día seguinte. Todas esas persoas marabillosas seguro que sentirían con ledicia e orgullo que tamén eran acredoras dun cachiño desa Medalla Castelao que Pemán acaba de recibir.

Eu confésolles que desde sempre fun adicto aos programas do “Tempo”, fun seguidor desde os míticos Mariano Medina, Eugenio Martín Rubio, José Antonio Maldonado ou Pilar Sanjurjo de TVE ata todos e todas os compañeiros e compañeiras da Televisión de Galicia, continuadores do traballo de Pemán, que tan ben conectan sempre con esa nosa audiencia fiel, que agarda pola súa minuciosa información para ver se poden ensilar, botar as patacas, facer a vendima, ir ás centolas ou preparar unha viaxe á praia. Eu mesmo, cando andaba coas miñas xiras de verán por Galicia adiante, chamaba sempre a Pemán para saber co que me ía atopar. Recordo cando lle preguntei como ía estar o tempo para unha actuación en Ourense capital e preguntoume a hora exacta do concerto, dicíndome que non montásemos o material ata dúas horas antes porque chovería pero que logo quedaría unha noite estupenda, como así foi.

E entendo perfectamente cando Pemán botaba man deses seus “colaboradores” de terra, mar e aire dos que falaba antes. Podo resumilo nunha noite de Espectáculo da TVG en Sanxenxo; o taxista que me levaba, que fora mariñeiro, díxome convencido: “Piñeiro, canta pronto que nun par de horas diluvia”. Así foi, moitos cantamos sen problema, pero Juan Pardo pillou unha molladura de moito nabizo, sen poder rematar a canción coa que pechaba a Gala. Era a sabedoría popular da que Pemán tanto se nutríu; sabedoría que el compartíu con todos nós. Gracias e Felicidades meu amigo.

Te puede interesar