Opinión

Os tempos dos discos

Un vinilo de Golpes Bajos.
photo_camera Un vinilo de Golpes Bajos.

Sigo encantado de recibir en “Bamboleo” o agasallo que me fan moitos artistas en forma de disco físico, como foi o caso recente do cantautor Rodrigo Ramos, que acaba de publicar o seu álbum “Claustrofobia”, cousa que lle agradezo moito porque ben sei todo o que hai detrás dese acto de xenerosidade; todo o esforzo por sacar adiante algo que seguramente leva meses de intenso traballo e, en non poucas ocasións, co conseguinte desembolso económico difícilmente recuperable en tempos nos que, salvo seareiros empedernidos, ninguén merca un disco nun País onde a piratería chegou hai moito tempo para quedarse, por moito que paguemos relixiosamente as cuotas do “Spotify”, plataforma da que me confeso firme devoto por poder escoitar toda a música do mundo en cuestión de segundos.

E dentro dese grupo de nostálxicos que xa non temos sitio na casa para tanto libro e tanto disco, sigo tratando como ouro en pano estas últimas reliquias que os artistas me fan chegar, e xan non digamos se veñen en formato “LP”, eses que me ocupan máis de media estantería e que neses momentos de especial melancolía permítenme escoitar co son marabilloso da agulla do plato aquelas cancións de “Radio Futura” ou Pablo Milanés que conformaron a banda sonora dunha parte importante da miña vida. Aqueles tempos onde chegaba ao meu piso da Cuña por primeira vez un estupendo aparato de música, con bafles onde os baixos podían facer que levitases, mercado en Radio Pérez de Ourense e pagado a prazos coas primeiras nóminas do meu traballo como pedagogo. Lembro perfectamente que o primeiro disco que merquei foi o “No mires a los ojos de la gente” de Golpes Bajos, que soaba a pura e moderna electrónica. Recordoumo moito cando o agora músico de éxito mundial “Baiuca” se presentaba en “Bamboleo” co primixenio nome artístico de “Alex Casanova”, e cun “LP” divertidísmo baixo o brazo que recibín con moitísimo cariño. Canto me alegrei de descubrir anos despois ao gran “Baiuca” firmando o seu primeiro disco impactante “Solpor”, e como o sigo admirando en todos e cada un dos seus novos traballos e concertos.

Algúns deses discos serían os que noutros tempos xa lonxanos eu agardaría como auga de maio a que chegasen ás tendas de “Galaxia”, “La Región” ou “Don Disco” en Ourense, onde eu ía mes a mes ampliando a miña discoteca particular, reservando se facía falta con tempo o novo que se anunciase de “Mecano” ou “Héroes del Silencio”. Tamén me fixen bastante adicto á tenda por catálogo para os que viviamos en “provincias” de “Discoplay”, onde eu mercaba aquelas caixas marabillosas coa discografía casi completa de Silvio Rodríguez, Lluís Llach, ou aquel primeiro Serrat de “Mediterráneo”. Visto agora desde a distancia, decátome de que sempre necesitei combinar naqueles momentos o meu espírito revolucionario coas músicas máis actuais duns inicios dos 80 nos que os pubs das rúas dos viños marcaban as tendencias do momento, como no seu día eran marcaradas polas “Barcas Voladoras” da Churrería “Lolita” que nas festas de San Benito facían que chegasen a todo Allariz os éxitos de “Los Brincos” ou “Los Bravos” co seu rompente “Black is Black”.

E eu, que sigo sendo un nostálxico e un friki, ata hai ben pouco en cada viaxe a Madrid deixábame caer pola tenda de discos “Metralleta” para atopar eses singles “eurovisivos” que eu tantas veces miraba camiño dos Maristas no escaparate de “Bazar Puga” de Ourense.

Te puede interesar