Opinión

Ucraína Twelve Points

Os representantes de Ucraína en Eurovisión.
photo_camera Os representantes de Ucraína en Eurovisión.

Pois visto o visto nas dúas semifinais desta semana queda claro que non estamos diante dunha gran edición do Festival de Eurovisión; dá toda a impresión de que a avaría irreparable dos arcos que constituían o groso da escenografía do evento marcou para mal moitas das actuacións dos países participantes, cunha realización moitas veces improvisada e mesmo descoidada. Parece que a Italia non lle ven ben isto de organizar o Festival, recordemos como no ano de Sergio Dalma tiveron que recorrer a última hora aos estudios de Cinecittà para sacalo adiante, mesmo botando man de decorados sacados de películas míticas como “Ben-Hur”; tamén eran tempos convulsos recén saídos da Guerra do Golfo.

E se de guerra falamos, desgraciadamente a invasión de Ucraína vai estar moi presente na final desta noite; en contra do que opinan algúns dos meus amigos “eurofáns”, eu si creo que o corazón vai influír moitísimo á hora do televoto e mesmo na votación dos xurados internacionais, e a representación deste país vai obter respaldo suficiente como para optar a gañar o Festival, cunha canción que se sitúa entre as favoritas en todas as casas de apostas. E alguén volverá dicir aquilo de que “A votación de Eurovisión é política”, e ás veces non lle faltará razón. Os países limítrofes ou con culturas semellantes apóianse entre si, e non fai falta ser un gurú do evento para saber a onde irán os votos balcánicos, os nórdicos ou os mediterráneos; aínda que tamén sexa certo que iso rara vez fai que unha canción determinada gañe o festival. Normalmente, salvando as diferencias que cada un poidamos ter, gaña quen ten que gañar.

E o de gañar esta noite, salvando ese máis que previsible voto de solidariedade con Ucraína, está moi aberto; hai un feixe de cancións que están en boca da maioría dos eurofáns con lixeiras diferencias, todo parece apuntar a que este ano o Reino Unido vai situarse ben arriba, ao lado de Suecia, se non a matan cunha penosa realización, Italia, Países Baixos, Grecia ou calquera outra aposta que sorprenda a última hora. A fermosa canción portuguesa con aires a Cesária Évora se tivera unha realización como deus manda podería ter opcións a estar aí arriba; a canción rumana vai poñer patas arriba o auditorio facendo mover o esqueleto a público e participantes ao ritmo de “Hola mi bebé-bé-Llámame-llámame” en perfecto castelán, e calquera outro grupo de rock dos que participan poden dar a badalada como o ano pasado deu o grupo Máneskin que levou o triunfo para Italia.

Da participación española permítanme que non opine, porque vendo as semifinais reafírmome no que xa dixen no infausto “Benidorm Fest”, Europa queda sen coñecer unha proposta marabillosa, diferente, e que tiña todas as papeletas para traernos o micrófono de cristal; a “Terra” das nosas “Tanxugueiras” podería darnos esa alegría que merecemos moitos dos que levamos neste tinglado desde nenos; ata a mesmiña Massiel confesaba o martes nun programa de TVE que a súa aposta eran as “Chanchungueiras”, o mesmo que o gañador portugués Salvador Sobral fixo en Benidorm pedindo “Votad a las gallegas”.

Para moitos de nós foi unha afronta a votación do xurado que deixou fóra a proposta galega e non llo imos perdoar, e iso, como somos humanos, fai que este ano non nos sintamos representados, co permiso dos milleiros de “chanelistas” que ven nesta rapaza a candidatura perfecta para gañar o Eurosong Contest.

Te puede interesar