Opinión

“A veces llegan cartas”

Este era o título dunha canción de Raphael bastante exitosa, e veume ao maxín estes días nos que recibo como cada ano unha felicitación de Nadal, que me chega, via Correos, dende Cornellá, onde viven os meus amigos Rosi, Pepe e o seu fillo Gabriel, a quen coñecín na barriga de súa nai no último verán que decidín soportar a segunda vaga consecutiva de calor na moi coqueta e cara vila costeira de Sitges.

E miren que me fai especial ilusión recibir esta tarxeta anual, unhas veces de Unicef e outras, como nesta ocasión, da “Asociación de Pintores coa boca e co pé”. Pero se o debuxo é bonito, máis lindo ainda é o seu interior, no que en poucas palabras esta querida familia se acorda de min, e podendo mandar un sinxelo WhatsApp, como facemos todos agora, moléstanse en ir mercar a postal, escribila de puño e letra e botala no buzón. Son deses amigos que hai anos que non ves físicamente pero que sabes que sempre están aí, dende que nos coñecimos nunha desas viaxes semiprogramadas polas terras da República Checa e Austria, onde nos caemos en gracia e fixemos pandilla e amizade desa que perdura no tempo. Moito rimos, con perdón, da cantidade de personaxes curiosas que un se pode atopar nos autobuses que te levan de excursión programada ou na hora da cea; porque a pouco que aguces o oído, escoitando algunhas conversas, podes chegar á conclusión de que vivimos en mundos ben distintos, e por momentos ata pensas que ou eles ou nós somos extraterrestres.

E aquí está de novo a tarxeta para recordarme eses e outros momentos vividos cando eu visitaba con máis frecuencia Barcelona, antes de ser invadida polas hordas dun turismo tan masificado que aquelo que eu facía de alugar unha bicicleta na zona portuaria e percorrer moitos quilómetros polo carril bici do Paseo de Gracia ou da Diagonal, ou mesmo pola zona máis monumental da cidade, hoxe é case unha temeridade por levarte por diante a unha ducia de simpáticos asiáticos. A capital catalá sempre me pareceu unha das cidades máis fermosas que teño visitado, sen a hospitalidade de Madrid claro está, pero engaiolante naqueles momentos menos convulsivos, e seguramente cunha poboación moito menos enfrontada do que tristemente hoxe está.

E destas cousas tamén falo cos estes meus amigos, fillos da emigración andaluza e extremeña, cuns pais que axudaron a levantar esa próspera Cataluña que lles debe aos “charnegos”, incluídos miles de galegos, boa parte do que hoxe é; unha realidade que reflictíu nunha das súas obras o Grupo catalán de teatro “La Cubana”, a quen lle teño visto prácticamente toda a súa producción dende que os decubrín en Ribadavia, por ter a coraxe de rirse de sí mesmos, como fan na obra “Cegada de amor” que tiven a oportunidade de ver ao ladiño mesmo do Hotel Majestic onde me teño hospedado en varias ocasións; hotel que por certo ata hai ben pouco tamén me enviaba tarxeta de felicitación, o mesmo que facían a Caixa de Aforros ou Isidoro de El Corte Inglés, polo meu aniversario.

Enfín, eu que era escritor compulsivo de cartas para os meus amigos e amores, na era pre-internet, sigo recibindo con moitísima ilusión esta e algunha outra tarxeta de felicitación anual. E aínda que sexa co teclado do ordenador, e non de puño e letra como quixera, pero polo menos aparecendo tamén en papel de periódico, aquí vai o meu desexo dun 2023 cheo de boas cousas para todos. Moi feliz Aninovo.

Te puede interesar