Opinión

Que viva o boi

Xa case todos sabedes que a partires desta tarde a miña vila alaricana cambia o seu ritmo e a súa fisonomía para dar cabida ós milleiros de visitantes que quererán un ano máis sumarse a esa auténtica marea que, coa excusa de botar unhas carreiriñas, ás veces a centos de metros do animal, desexa participar nuns dias de ledicia, música e troula. O de a centos de metros é moita verdade en non poucos casos, xa que son moitos os que despois de pasar uns dias convivindo cos alaricanos marchan da vila sen ter visto nin un dos cornos dos protagonistas da festa. Pero iso dá igual, o caso e sentirse un máis, colgar o pano bermello ó pescozo, trafegar algún viño máis do aconsellable e poder contalo posteriormente en calquera punto de Galicia.

Esta tarde, despois dos actos protocolarios do saúdo do Comendador e a entrega do Sedeño e Honra, que terei o pracer de presentar no Campo da Barreira, e cando xa moitos alaricanos teñan participado no xantar campestre en San Salvador, a onde previamente chegaron os bois desde os montes de Penamá, iniciarase unha semana de loucura coa proba do boi, que a dicir dos organizadores vai deparar non poucas sorpresas, e a partir de aí cada quen irá adaptando os seus horarios e os seus folgos ás diferentes carreiras e actos paralelos que terán lugar polas empedradas rúas que un día pisou o Xan de Arzúa. Eu, como xa contei a semana pasada, faltei moitos anos a esta cita festiva da miña terra, pero eso queda contrarrestado coa miña activa participación naqueles primeiros anos nos que se botaba a andar a festa con moitísima ilusión e nos que as carreiras e o potente son dos bombos dos "Zés Pereiras" estaban practicamente reservados ós veciños da Vila.

Hoxe as cousas cambiaron de xeito importante, visítannos milleiros de forasteiros; os hoteis, restaurantes, bares e supermercados poñen o cartel de "cheo ata a bandeira", e a festa xa pertence tanto ós que un día foron visionarios e a puxeron en marcha como ós máis pequenos que levan case todo un ano preparándoa, coas súas vestimentas, as súas postas en escea e sobre todo a súa ilusión, colaborando decididamente nese traballo de recuperación do patrimonio inmaterial. Todos luciremos tamén esas camisetas creadas por "Rei Zentolo", que se suma tamén á festa espallando por toda Galicia un acertadísimo deseño, que en palabras do recén reelexido alcalde da Vila, Francisco García, reflicte a ligazón dun pobo de manter unha tradición.

Pois aí estaremos coa tradición e sobre todo coas orixes; sempre é reconfortante, vivas onde vivas, volver ás túas raíces, a onde está a túa xente, e a aquelas rúas, hoxe coquetas e ateigadas de visitantes, polas que ti tanto xogaches e viviches nos anos da infancia e da adolescencia. Nunca hai que perder as referencias e as coordenadas vitáis, por iso gusto de seguir empadroado na miña vila natal e baixar de cando en vez á Acearrica para escoitar ó Arnoia e con el as voces dos seres queridos, dos que están e dos que xa se foron. Uns e outros hoxe berraremos unidos iso tan noso de "Que Viva o Boi".

Te puede interesar