Opinión

Con Xil Ríos e Manolo Tomé

Por fin chegou o día que eu levaba agardando e pedindo tantas veces en radio, televisión, e mesmo neste periódico nun artigo que escribín o 16 de xuño de 2010 e que volvo subscribir plenamente. O gran cantante e compositor Xil Ríos tivo a gran honra de ser nomeado “Fillo Predilecto de Moaña”. Ben é certo que o que eu levo reclamando é algo seguramente non tan importante para el, a Gran Homenaxe que Galicia lle debe a un dos artistas máis sobranceiros e máis queridos; pero iso chegará sen dúbida, e terá que ser porque o pobo de Moaña e os seus representantes políticos, todos sen excepción, pediron para el a máis alta distinción que alguén pode atesourar, a de ser profeta na súa terra, sendo nomeado o seu “Fillo Predilecto”.

Confeso que me decatei, como case todos os compañeiros de profesión, o día anterior; e isto valeulle ao artista unha pequena bronca pola miña parte en directo na “Sesión Vermú” da Radio Galega por non me ter avisado; pero bronca cariñosa, evidentemente, sabendo como sabemos todos da profunda humildade do amigo Xil; tanto é así que ata o mesmo momento do acto institucional deixou claro que se alguén no seu pobo poñía a máis mínima pega ou emitía a máis mínima disconformidade non acudiría a recoller o título. O salón de plenos do Concello quedou moi pequeno para acubillar tanto cariño, o de tanta xente que quixo aplaudirlle,abrazalo e escoitar con atención os discursos previos e a mensaxe emocionada do artista, ao que a Coral de Moaña lle brindou o seu “Xirarei”, nun deses momentos de sentimento a flor de pel, por ser unha canción que quedará xa por sempre rexistrada con letras de ouro na historia da música galega, e da que el, e o seu compositor Juan Pardo, poden estar ben orgullosos, tanto da versión orixinal como da que moitos anos despois gravarían acompañados polo tamén moañés Xosé Manuel Budiño.  E con este gran gaiteiro tamén tiven tempo para falar da grandeza de Xil Ríos, do seu amor por Moaña, polas súas xentes, polos seus mariñeiros, a quen tanto lles cantou e por quen mesmo foi censurado nas épocas franquistas; o amor pola súa familia e por toda a xente coa que convive día a día; xente e amigos como o ex-futbolista e adestrador Manolo Tomé, con quen tiven o pracer de compartir mesa e mantel despois do acto no restaurante rexentado polo fillo do artista; unha estupenda cea onde entre prato e prato falamos de Ourense, como non, da etapa gloriosa de Tomé na capital das Burgas, que xusto coincide co triunfo de Xil Ríos no “Festival do Miño” alá polo ano 1973, onde consegue meterse ao público no peto gañando o Premio da Crítica e a ”Roda de Afiar de Ouro” coa canción “Miña Maruxiña”. Cando vou pola casa do noso artista gusta de presumir deste trofeo e mostrarmo orgulloso sabendo como sabe do meu amor pola miña cidade e a miña provincia.

Convídame a alcaldesa e o concelleiro de cultura a implicarme no gran concerto homenaxe que queren preparar en Moaña de cara o verán; ofrézome entusiasta desde o primeiro momento porque, como dixen ao principio, Galicia e a súa música están en débeda con este trovador, mariñeiro en terra, futbolista, boxeador, hosteleiro e remeiro. Pero por riba de todo, Xil Ríos é unha excelente persoa, da que teño a honra de ser amigo.

Te puede interesar