Opinión

Xurado eurovisivo

Non, non é que vaia formar parte do xurado de TVE neste próximo Festival de Eurovisión, cousa que sí estiven a piques de conseguir nos finais dos 90, se non fora porque se cruzou polo medio unha das fillas de Rocío Durcal, Carmen, á que había que promocionar en non sei que obra de teatro, facendo que unha semana antes me desbancase de tan honroso posto, en tempos nos que aínda non existía ese democrático televoto que fai que os países limítrofes ou afíns se voten entre sí. Nunca llo perdoarei ós organizadores do evento. Pero para resarcirme de tal afronta, os amigos da prestixiosa e visitada páxina www.eurovision-spain.com convidáronme a exercer de xurado no Eurosondeo que fan cada ano pulsando a opinión de expertos e eurofáns de cara ó Eurofestival. Non é fácil opinar sobre estes temas, porque aquí ocorre como no fútbol, onde as paixóns e adhesións son inquebrantables, e a pouco que fagas algunha declaración mínimamente desafortunada pode caer sobre ti a ira duns cantos miles de siareiros militantes. De aí que eu me limite a opinar sobre as miñas preferencias, desexándolle moita sorte a Edurne, aínda que non me convenza de todo ese “Amanecer” por ser de moi difícil execución en directo, e decantándome máis pola canción alemá, aínda que seguramente sexa Suecia, Italia ou calquera outro país o que se alce co triunfo. En calquera caso vai ser un festival bastante aburrido pola cantidade de baladas participantes, cousa que non me preocupa en demasía porque, non nos esquezamos, por moi eurovisivo que eu sexa, que o son, a esa mesma hora eu estarei competindo na TVG co noso “Bamboleo” e, como comprenderán, a min e ó meu equipo Eurovisión non nos da de comer. Pasa igual que cando o Celta xogaba en ligas europeas, cousa en principio fantástica para os que gustamos de que os celestes estean ben arriba, pero pouco recomendable en tempos de “Supermartes” cando os partidos eran televisados ese mesmo día, restándonos audiencia ou propiciando que en máis dunha ocasión se suprimise o concurso do que vivían un cento de persoas; neses momentos confésolles que máis dun compañeiro meu futboleiro pensaba naquela canción titulada “Hai amores que matan”, e polo baixiño dicían “se total non imos gañar a copa, mellor que se centren na liga e nos deixen traballar”. Xa sabedes, “amiguiños e afeccionados si, pero a vaquiña polo que vale”.

Pero o certo é que me fixo ilusión colaborar co galego Vicente Rico e os seus compañeiros de EurovisiónSpain, por ser unha páxina que utilicei moitísimo nos meus tempos de radio, xa que é unha auténtica biblia do Festival de Eurovisión. Neste xurado tamén está a nosa Lucía Pérez, á que os eurofáns lle teñen unha simpatía especial pola súa cercanía e por defender con uñas e dentes en Düsseldorf aquela indefendible “Que me quiten lo bailao”. Con Lucía e o seu irmán, o tamén excelente músico Vizcaino, acabo de estar en Lugo, porque tiveron a xentileza de acompañarme, xunto co noutrora televisivo Fidel Fernán, na presentación do meu libro na cidade da muralla, concretamente na librería Balmes, a máis antiga de Galicia.

Te puede interesar