Calvos disporá para obras de saneamento de 250.000 euros

Concello de Calvos de Randín.
photo_camera Concello de Calvos de Randín.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor desde Calvos de Randín o compromiso do Executivo central coa “transición verde” nos concellos do reto demográfico, poñendo de manifesto a súa aposta polo municipalismo. No caso de Calvos de Randín tradúcese nun investimento de máis de 250.000 euros para a mellora do saneamento e a depuración de augas, unha acción realizada a través da Confederación Hidrográfica Miño Sil.

Pedro Blanco interesouse polas iniciativas que impulsa o Concello, presidido polo alcalde Aquilino Valencia, en liña coa dinamización social dende o local. Estas iniciativas teñen como marco de acción a recuperación do patrimonio, “para beneficio de gran parte da poboación”, sinalou. O delegado estivo, ademais, acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González.

Este tipo de iniciativas caracterizan aos concellos nunha categoría establecida polo Goberno para designar e apoiar aos municipios con menos de 5.000 habitantes que requiren dun plan para atallar o despoboamento e o abandono do rural. O Goberno tende a man aos concellos para avanzar na súa mellora e dimamización, “sempre en beneficio dos homes e mulleres que residen e teñen a súa vida aquí, da mocidade e dos empresarios e empresarias que queren vivir no rural e tamén vivir do rural”, subliñou. 

O delegado resaltou os proxectos que van na mesma liña que as súas políticas no que respecta ao Reto Demográfico, ao que poden acceder todos aqueles que lle presenten accións con esas metas. Isto é algo que favorece a comunicación entre administracións para conseguir, entre todas elas “un territorio galego integrado e adaptado ás novas formas de traballo e oportunidades, que se comprobaron efectivas ante o despoboamento que sofren estes territorios”.

Investimentos no concello

O delegado e o alcalde repasaron na reunión os apoios do Goberno ao Concello de Calvos de Randín nestes anos, nos que se beneficiou de axudas por 83.000 euros coas que a Administración local financiou a renovación do alumeado público. Ademais, Calvos de Randín benefíciase do programa Unico-Banda Ancha, que executa o Goberno para completar a dixitalización do territorio galego. Este programa posibilitará unha conexión a internet de altas prestacións, que ademais cubrirá un total de 259 unidades inmobiliarias, algo que na práctica supón a completa dixitalización do territorio municipal dotándoo de acceso con velocidades aptas para o sistema móvil de ancho de banda.

Te puede interesar