Campaña do CDR O Viso contra os riscos dixitais na infancia

Reunión dos axentes educativos para presentar a campaña.
photo_camera Reunión dos axentes educativos para presentar a campaña.
Visitaranse tódolos parques e zonas recreativas da vila nas próximas semanas para concienciar

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso convocou a tódolos axentes educativos da comarca para presentarlle unha campaña educativa na que leva traballando as últimas semanas, logo de detectar moitos casos de problemas da infancia da Limia asociados ó uso e abuso do teléfono móbil.

A cuestión máis urxente é a relacionada coa pornografía. O servizo de inclusión sociolaboral do CDR está traballando con varias familias que detectaron un acceso prematuro a contidos sexuais de nenos de menos de 8 anos. A terapeuta do CDR Sarai R. Bohórquez alerta ás familias: “O córtex prefrontal non está preparado para entender o que ven e non se pode permitir que aprendan que o sexo é iso ou é así”.

A área educativa do CDR O Viso desenvolve unha campaña cun forte contido gráfico e audiovisual, aínda que o principal alicerce é a acción directa coas familias. Así, visitaranse tódolos parques e zonas recreativas da vila nas próximas semanas para concienciar ás familias da importancia dunha cuestión que está moi presente xa no medio rural. O foco porase fundamentalmente nas familias e o CDR conta co apoio de axentes educativos do ámbito musical, do deporte e dos servizos sociais.

Esta primeira fase da campaña consiste en diferentes reunións con profesionais e persoal técnico da educación.

Te puede interesar