OCIO

O Centro de Maiores de Vilar de Santos pecha o programa de actividades

vilr_de_santos_result
photo_camera Asistentes ó II Festival do Maior que se celebrou en Vilar de Santos.

Organizou un festival para celebrar o Día Internacional deste colectivo social

Usuarios e traballadores do Centro de día-Vivenda Comunitaria de Vilar de Santos, xunto con numerosos veciños da localidade que participaron no proxecto comunitario "Saber envellecer", celebraron o I Festival do Maior. Estas xornadas poñían o remate ao programa de actividades e terapias realizadas polos profesionais do centro ao longo do ano e que serviron para festexar, ao mesmo tempo, o Día Internacional do Maior.

"Saber envellecer" é un proxecto comunitario que ten unha periodicidade semanal e que inclúe a organización de obradoiros de ximnasia, andainas, memoria en movemento, biodanza, psicomotricidade acuática na piscina, relaxación, masaxes, xogos ou psicomotricidade. O obxectivo destas actividades é a prevención da dependencia, o fomento da autonomía persoal e o mantemento da saúde e son impartidas e dirixidas polo equipo interdisciplinar do Centro de Maiores de Vilar de Santos en colaboración co Concello.

Durante a celebración do Festival do Maior os asistentes poideron disfrutar da actuación da coral "As Bolboretas", creada polos usuarios do Centro de Maiores. Os participantes no proxecto "Saber envellecer" ofreceron unha sesión de bailoterapia e coreografía, mentres que os usuarios do Centro de Mariores ofreceron un desfile de moda cunha colección de complementos feita por eles mesmos. Así mesmo, tivo lugar unha proxección que recollía os traballos e actividades desenvolvidas no Centro de Día e poidose disfrutar dunha exposición de lenzos realizados na rede de centros do Consorcio de Benestar. O festival rematou coa entrega de diplomas aos participantes nas diferentes actividades e agasallos aos colaboradores.

Estes obradoiros compleméntanse con outras actividades impulsadas polo Concello de Vilar de Santos, para fomentar a convivencia e a participación veciñal nos espazos do Concello e que terán continuidade nos vindeiros meses en colaboración co Centro de Maiores da localidade.

Te puede interesar