Dixitalización de xornais do século pasado en Xinzo

Noelia Bascuas e Carlos Gómez na firma do acordo.
photo_camera Noelia Bascuas e Carlos Gómez na firma do acordo.
Os 55 exemplares supoñen unha das máis importantes coleccións conservadas de xornais locais

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o segundo tenente alcalde, Carlos Gómez, solicitaron, na recente visita a Xinzo do primeiro, a dixitalización dos 55 xornais de principios do século XX que están depositados na Casa da Cultura dende o ano 1998, doados á institución municipal por os herdeiros do xornalista e escritor Antonio Nieto Oliva, e outros polo xornalista Manuel Gómez Colmenero no ano 2000, para garantir a súa conservación e posta a disposición de investigadores e interesados a través da Biblioteca Galiciana.

Estes xornais foron estudados a principio do século XXI por distintos investigadores locais como a profesora Concepción Rúa González, o xornalista Federico Cocho de Juan ou o historiador local, Edelmiro Martinez Cerredelo, que mesmo os recolleu no libro “A prensa en Xinzo de Limia: século XX (1911-1925)”.

Repartidos en 11 cabeceiras: “El eco antelano”, “Juventud”, “El agrario”,  “El Camelo”, “El látigo”, “El pueblo antelano”, “La víbora”, “El cencerro”, “El eco de Monterrey”, “Heraldo de Verín” e “Ambiente”, os 55 exemplares que se dixitalizaran por Galiciana supoñen unha das máis importantes coleccións conservadas de xornais locais de principio do século XX, nunha vila do tamaño do concello de Xinzo de Limia, o que fai pensar na grande actividade sociocultural que se deselvolvía na capitalidade da comarca.

Entre os exemplares existen catro cabeceiras do Concello de Verín, unha delas, a máis antiga, de 1906, “La víbora” (7 enero 1906), e unha de O Carballiño, inéditas na maioría dos casos, e a maiores, de moito interese para os veciños e investigadores daqueles concellos.

Te puede interesar