MÚSICA

A Escola de Gaitas de Xinzo pecha o ano con 230 alumnos

escola_gaitas_xinzo_result

O programa de iniciación musical tivo unha gran acollida e o vindeiro curso estará incluído na matrícula

A Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia puxo o broche de ouro ao curso 2016/2017 cun festival no Auditorio da Casa da Cultura. Este ano, o centro superou as 230 matriculacións, iniciou un curso experimental con 21 cativos de entre cinco e sete anos e, ademais, atópase inmerso na gravación dun disco que verá a luz nos vindeiros meses. "A escola de iniciación musical era unha demanda de moitos pais, a acollida foi moi positiva e, para o vindeiro curso, incluiremos este programa na matrícula", sinalou o director da Escola Fernando Dopico que, por todos estes motivos, valorou o curso académico como "moi bo". "A semana que ven faremos un claustro de mestres para facer balance pero estamos moi contentos porque cumprimos os propósitos tanto a nivel de participación como de aprendizaxe", dixo Dopico. 

Por outra banda e tamén como novidade, os mestres da Escola participarán por primeira vez nos Campamentos Urbanos de Verán do Concello de Xinzo de Limia  monitorizando diferentes actividades musicais nas rúas da vila durante o mes de xullo. "Traballaremos cos grupos que se formen. Sabemos que o prazo de matrícula pechouse esta semana e, neste sentido, faremos un reconto xunto co concelleiro de Cultura para saber con cantos rapaces contamos", explicou Fernando Dopico. "O obxectivo é traballar no campo da música tradicional dentro das súas variantes, queremos asomar aos cativos a ese mundo mesturando aprendizaxe con diversión",engadiu.

Na actualidade, a Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo, nacida hai 30 anos, conta con tres bandas: a Titular, a Banda B e a Banda C pero ademais, son moitos os músicos independentes que acuden ao centro a formarse. "Os tres mestres que estamos optimizamos moito os recursos", sinalou Dopico. "Gustaríanos, de cara ao ano que ven, facer algunhas melloras nas nosas instalacións", engadiu o director. 

Te puede interesar