A LIMIA

Laroá e Fiestras terán planta de bombeo e nova depuradora

<p></p>
photo_camera Aspecto que presenta o río Nocedo, que discurre entre las localidades de Fiestras e Laroá

A Confederación Hidrográfica abordará o proxecto, que ten un presuposto de 247.000 euros 

A Confederación Hidrográfica Miño Sil, avanza nas tramitacións da construción dunha nova depuradora na aldea de Fiestras. Dita instalación situarase na mesma parcela onde está a fosa séptica actual. Por outra banda, procederase tamén á construción dun novo bombeo para os 20 veciños da zona sur de Laroá. Mediante este sistema recollerase o saneamento daquelas vivendas que están vertendo a día de hoxe á fosa séptica de Laroá e impulsarase ata a depuradora que xa existe na aldea. Unha vez que ambas obras estean concluídas, procederase á demolición das actuais fosas sépticas de Fiestras e Laroá. Será o Concello de Xinzo o que porá a disposición da Confederación Hidrográfica os terreos veciñais necesarios para a execución das obras e encargarase do posterior mantemento que requiran as instalacións.

Actualmente tanto Fiestras como parte dos habitantes de Santa María de Laroá están empregando fosas sépticas como solución ás augas residuais producidas. Estas práctica non conta coa autorización de vertido da Confederación Hidrográfica Miño Sil. Ademais, a fosa que existe ao sur de Laroá está situada moi próxima ao cauce do río Nocelo.

O proxecto en marcha, que afectará a un total 120 persoas e conta cun presuposto total de 247.000 euros, levando a maior parte da inversión a construción da depuradora, cuxo custo ascenderá a 83.700 euros. A súa finalidade é mellorar o servizo e a calidade da depuración nos dous núcleos rurais, descargando as augas residuais que chegan ás actuais fosas sépticas. Prevese que a adxudicación da obra saia a concurso no próximo ano 2017 e que a execución se realice no prazo de tres meses .

O proxecto leva por nome oficial “Obras de mellora na rede de saneamento da parroquia de Fiestras en Xinzo de Limia (Ourense)” e fíxose público no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado mércores, 21 de decembro. Dende entón e nos seguintes 20 días á súa publicación calquera persoa que estea interesada poderá acceder ao proxecto e presentar alegacións e suxestións.

Te puede interesar