PLAGA

Medio Rural intenta trasladar serenidade ao sector da pataca

Organizou unha reunión en Xinzo coa Indicación Xeográfica Protexida e con alcaldes da comarca

O salón de actos da Casa da Cultura de Xinzo acolleu unhas charlas informativas sobre a couza guatemalteca da pataca que afecta ás zonas de autoconsumo do norte de Galicia. Foi unha xuntanza de carácter aberto, conducida por Víctor Novo, xefe do servizo de Sanidade Vexetal; Nicasio Mejuto, subdirector xeral de Explotacións Agrarias; Iago Borrajo xefe territorial de Medio Rural; Julio Gómez, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, e Ricardo Losada, secretario da mesma entidade. Á reunión asistiron productores e almacenistas inscritos na Indicación Xeográfica Protexida así como varios dos alcaldes da comarca da Limia que foron convocados para ser informados, en primeira persoa, sobre a situación actual da couza por parte da Consellería de Medio Rural.

Víctor Novo foi o encargado de facer unha radiografía xeral da situación actual da problemática desta praga en corentena. Trátase dun insecto procedente de América Central que se alimenta soamente de tubérculos e que foi detectado nas Illas Canarias no ano 1999. En Galicia manifestouse por primeira vez en 2015 nas zonas da Mariña Lucense e de Ferrolterra. Ese mesmo ano a Xunta comezou a adoptar medidas para o seu control e erradicación. Entre os preceptos incluíronse redes de trampas para a captura masiva do insecto que permitiron, entre outras cuestións, detectar a non presenza do insecto na provincia de Ourense.

A principios do vindeiro mes de marzo está previsto que se aprobe un Real Decreto por parte do Goberno Central que incluirá, previsiblemente, a prohibición de plantar pataca nas zonas delimitadas. Ata ese momento a Consellería de Medio Rural ten estipuladas unha serie de medidas obrigatorias e outras recomendadas, para productores e almacenistas de pataca que tamén se difundiron nesta reunión a través dun folleto informativo.

Para as zonas afectadas os agricultores teñen a obriga de colocar trampas para a capura da couza, de empregar semente libre da praga, de realizar tratamentos con materias activas autorizadas no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios, de destruir todos os tubérculos danados e, no caso de aparecer patacas infectadas, de proceder á súa destrucción de forma segura así como de facer rotación de cultivos e de non plantar nesa parcela durante dous anos. Para os almacenistas as medidas obrigatorias pasan pola desinfección do almacén, por separar os tubérculos de semente e os de consumo, pola selección dos tubérculos e por colocar trampas con feromona.

Con todas estas medidas preténdese erradicar a praga nos concellos afectados e evitar que chegue a zonas produtoras como a comarca de Limia. 

Te puede interesar