Mirian Opazo substitúe a Carlos Pérez á fronte do BNG de Xinzo

Mirian Opazo.
photo_camera Mirian Opazo.

Mirian Opazo, creadora audiovisual, é a nova responsable local do BNG de Xinzo, que mantén na portavocía a Camilo Vila e na viceportavocía a Manuel Pozo. O Bloque clausura así a etapa de Carlos Pérez “Siro”, que conclúe catro anos de liderado cun balance “máis que positivo” e tras os éxitos nacionalistas nas eleccións municipais e autonómicas onde se consolidou como alternativa ó Partido Popular.

Continuará a súa labor unha muller con perfil político e creativo. Opazo afronta con ilusión e garantías este paso na súa carreira: “Síntome moi afortunada de apoiar este momento de crecemento do BNG, cunha base militante sólida e cun representante na Casa Consistorial inmellorable como é Camilo Vila”.  Mirian Opazo segue ligada á Universidade de Salamanca, onde se formou en Belas Artes e Produción Audiovisual. A súa curtametraxe “Ningún Deus” foi premiada no Festival de Cans na súa última edición e fora galardonada nos premios Xuventude Crea 2022. 

O BNG quere, con este movemento, consolidar a tendencia alcista tanto a nivel interno coma de apoio social. O organigrama do BNG complétase con Marta Joga e Leticia Diz como responsables de Comunicación e Estratexia,  Andrés López como analista e Alba Feixóo como asesora.

Te puede interesar