protesta

Parada recurrirá a licencia concedida á planta asfáltica

reunion_parada_result
photo_camera Un momento da asamblea que celebraron os veciños de Parada de Ribeira onte pola tarde.

A asociación O Muíño da Lama recollerá firmas e a oposición municipal fará unha moción conxunta

Veciños da parroquia de Parada de Ribeira, do concello de Xinzo, acudirán a un gabinete especializado de avogados da Coruña para avaliar a interposición dun recurso de reposición contra o Concello de Xinzo logo de desestimar a administración local as súas alegacións, xunto coas emitidas pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, para a paralización do proxecto da planta asfáltica, que ven de recibir a licenza de obra por parte do Consistorio.

Medio cento de persoas, entre as que estaban os voceiros dos tres grupos da oposición de Xinzo , que anunciaron unha moción conxunta contra a planta, reuníronse na tarde de onte co obxectivo de acordar os pasos a seguir para frear este proxecto que consideran ocasionará "un importante dano ambiental e para a saúde". 

Durante a asemblea tamén se conformou a nova composición da asociación O Muíño da Lama. "Quédanos moito traballo por diante e por eso tivemos que dividir as funcións que levaremos a cabo cada un", sinalou Miriam Rodríguez, responsable de comunicación. "Queremos poñernos en contacto cos biólogos da Sociedade Galega de Historia Natural para estudar a problemática da proximidade da planta ás zonas nas que habitan varias especies de aves", engadiu. O Colectivo tamén solicitará hoxe unha reunión co alcalde de Xinzo, Antonio Pérez.

Pola súa banda, Gonzalo Branco, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, explicou que  
antes de tomar decisións sobre o procedemento legal a seguir, agardarán coñecer "o posicionamento dos veciños da zona". A asociación ecoloxista mostrou o seu "apoio" aos veciños da parroquia, do mesmo xeito que o fixeron representantes da platafoma Corno do Monte ou a de Amigos das Árbores da Limia.

O Concello dará información aos veciños

Dende a empresa Opain S.L. que xestionará a planta de producción de mestura bituminosa en quente, non quixeron facer declaracións ao respecto ao movemento veciñal xurdido tras coñecerse a nova de que o Concello de Xinzo outorgaría a licenza de obra para a súa actividade. 
Sí se pronunciou o tenente de alcalde de Xinzo, Manuel Casas quen sinalou que, dende o Consistorio, están "sempre ao dispor dos veciños para darlles a información sobre o procedemento administrativo e dos informes sectoriais que acompañan á documentación da licenza". 
Os grupos da oposición no Concello apoian ás decisións que sexan adoptadas polo colectivo de veciños de Parada. 

Te puede interesar