ENTREVISTA

"A producción de cereal será mala, pero no que atinxe á pataca será un ano extraordinario"

guillermo_budino1_result
photo_camera Guillermo Budiño Cajaraville.

Guillermo Budiño Cajaraville substituirá a Julio Gómez á fronte do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP)Pataca de Galicia

O novo Pleno da entidade nomeouno presidente por 11 votos a favor e unha abstención. Pero a de Budiño non será unha cara nova na sede da oficina na Finca Devesa de Xinzo. Este Oficial Químico de Laboratorio pola Universidade de Santiago, condecorado en 1985 polo Rei Juan Carlos coa Cruz de Oficial da Orde Civil ao Mérito Agrícola, Premio Nacional de Meteoroloxía en 2015 e ex xefe da Oficina Agraria Comarcal de Xinzo, foi delegado técnico da Consellería de Medio Rural na Indicación Xeográfica Protexida dende a súa creación na capital da Limia fai 25 anos, sede da que el mesmo sentou as bases, tal e como recorda.

Cómo afronta este novo reto?

Con moitísima ilusión. Para min non é algo novo, senon un proxecto de continuidade asumindo novos retos.

Non é un descoñecido na IXP, vostede mesmo sentou as bases do Consello Regulador.

Así é. Cando estaba de vogal técnico no Ribeiro vin a necesidade de crear aquí na Limia unha denominación de orixe. Era necesario dar un amparo aos productos do campo, neste caso á pataca, crear unha marca de prestixio. Eu mesmo comecei coa recollida de firmas, que era un dos pasos previos. 

Por onde pasan os seus primeiros retos á fronte da IXP?

Temos moitos obxectivos pero o primeiro é conseguir a inclusión das variedades de pataca Agria e Fina de Carballo como productos galegos de calidade. É unha cuestión que está xa en Bruxelas. Fun eu persoalmente o que fixo a selección baseada en campo da variedade Fina de Carballo. Nestes intres pode que aproben xa dende Bruxelas a nosa solicitude, ou quizais nos requiran algunha documentación adicional. 

Qué outras metas se plantexa? 

Quero acadar un aumento das cantidades de pataca a comercializar con denominación de orixe. Nestes intres distribuimos entre catro e cinco millóns de quilos por ano. Un incremento do número de productores e almacenistas amparados fortalecería o prestixio da Pataca de Galicia. Non hai que esquecer que a Indicación Xeográfica Protexida é unha garantía de calidade. Neste sentido seguiremos loitando tamén contra aqueles que pretendan comercializar pataca como Produto Galego de Calidade (Pataca de Galicia) sen estar amparada polo Consello. 

Cales son os lugares a onde máis Pataca de Galicia se exporta? 

Por orde iría primeiro Madrid. Alí adoitamos comercializar preto de dous millóns de quilos por ano. Seguiría Barcelona, a zona do Levante e Portugal. 

Cre que a producción da IXP podería verse afectada pola Polilla Guatemalteca? 

De momento todo indica que nas comarcas acollidas á denominación, A Limia, Cospeito, Villalba e Bergantiños, están libres da plaga. Penso que a Xunta ten tomado medidas moi duras e, na miña opinión, acertadas. 

Cómo cre que afectarán á producción a xeada e o pedrazo?

A producción de cereal de inverno será moi mala pero no que atinxe á pataca agardamos que sexa un ano extraordinario. A pataca cumplirá o seu ciclo de maduración e as condicións meteorolóxicas están sendo boas. 

Qué destacaría de Julio Gómez, o presidente saínte da IXP?

A súa dedicación impresionante á entidade ao longo destes 25 anos. Sempre estivo preocupado pola mellora da calidade da pataca e tratou de buscar a colaboración coas institucións neste sentido. 

Te puede interesar