O PSdeG denuncia a falta de limpieza na gardería de Xinzo

A nai dun pequeno de tres anos asegura que o seu fillo e outros cativos do centro sufriron picaduras de diferentes insectos

Vista exterior da gardería de Xinzo "A Galiña azul".
Vista exterior da gardería de Xinzo "A Galiña azul".
O PSdeG denuncia a falta de limpieza na gardería de Xinzo

O PSOE de Xinzo ven de denunciar que "a insalubridade e falta de limpeza na gardería pública de Xinzo de Limia provoca casos de nenos e nenas con picaduras de diferentes insectos". A xestión do centro é competencia da Xunta de Galicia pero o seu mantemento é  de titularidade municipal e, neste sentido, algúns pais quéixanse do "estado de abandono do entorno e do interior da gardería". Así o explicou Adriana Giménez, nai dun cativo de tres anos que o pasado mércores sufriu 17 picaduras "dunha araña ou unha garrapata" segundo sinalou o médico que atendeu ao pequeno, mentres estaba no interior da gardería. 

"Teño constancia de que mais nenos do centro sufriron tamén picaduras", explicou Adriana. "Os feitos aconteceron o pasado mércores e ese día, os cativos non saíron  fóra do edificio", engadiu. 

A nai do cativo asegura que o servizo de limpeza "é ineficiente" xa que só conta cunha traballadora que está próxima a xubilarse. "Non emitimos ningún escrito formal no Concello pero varios edís, entre eles a responsable de Servizos Sociais, son conscientes da situación de abandono porque contactamos con eles persoalmente. Nos dixeron que en Agosto limparían a fondo", engadiu a nai do menor. 

O alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, dixo non ser coñecedor do percance das picaduras para "poder tomar cartas no asunto" e criticou á oposición de facer política destructiva.