A LIMIA

O PSOE limiao indaga supostas prácticas ilegais do PP á hora de adxudicar obras

Anunciaron un plan para O Toural e o río Limia que se comprometeron a levar a cabo se hai cambio de goberno

O Partido Socialista limiao indaga un "suposto troceamento ilegal de contratos" para "adxudicar obras menores a dedo executadas nun parque". Dende o grupo da oposición apuntan a un "tremendo cambalache de actuacións menores argalladas polo goberno local do PP sen a máis mínima planificación" que, segundo subliñan, están a provocar "unha importante desfeita no estado óptimo destes espazos públicos".  

Nesta liña, a portavoz dos socialistas en Xinzo, Elvira Lama -quen matizou que xa se pediu información concreta ao abeiro desta "sospeitosa sucesión de obras menores"- criticou asimesmo, "as deficiencias existentes nas actuacións realizadas, xa que as obras que se fan cada ano por parte dos distintos obradoiros non fan máis que esnaquizar o que xa está feito para deixalo peor". 

Por outra banda, Lama denunciou "a falta dun proxecto conxunto, que permita executar unha remodelación integral da totalidade da superficie", sen estar actuando "aos poucos, adoquíns por un lado, corcho por outro, logo beirarrúas, despois parterres, en actuacións separadas e inconexas", segundo a edil socialista "para poder executar a dedo contratos menores que, de ser pola totalidade do importe, terían que tramitarse mediante un concurso de varias empresas". 


Proxecto integrador


O PSOE limiao anunciou un proxecto integrador para o parque de O Toural e o tramo urbano do río Limia. Manifestaron o seu compromiso para poñelo en marcha inmediatamente logo do "cambio de goberno municipal que estamos seguros que se producirá".

Te puede interesar