O PSdeG-PSOE de Xinzo afirma que o alcalde, Amador Díaz, atentou gravemente contra o patrimonio histórico do Camiño de Santiago, concretamente na Vía da Plata, ao seu paso pola capital da Limia. Os socialistas consideran que a actuación levada a cabo no empedrado do camiño, en pleno casco vello de Xinzo, substituíndo as lousas de pedra por asfalto aglomerado en numerosos puntos “é unha auténtica chapuza e un completo despropósito patrimonial”.
Este grupo municipal solicitará información desta “cuestionable actuación”, que na súa opinión, “atenta contra o patrimonio e estraga a calidade do Camiño, polo que transitan os peregrinos e as peregrinas a diario”. Así, engaden os socialistas que “estamos ante unha clara mostra do que non se debe facer no urbanismo e no mantemento do patrimonio” e apuntan a que pedirán que “sexa substituído por outra fórmula menos agresiva”.
“A falta de sensibilidade do actual goberno, encabezado por Amador Díaz, pon en evidencia as eivas do equipo de goberno, en canto o que se pode ou non se pode facer nas actuacións mais sensibles”, explica a portavoz do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández. A edil socialista lembra que este punto concreto da vila “conta con protección e calquera actuación debe seguir as recomendacións da guía de boas prácticas nas actuación do Camiño de Santiago”.