Sandiás disfrutou na fin de semana a ritmo de rondalla

Os asistentes disfrutaron dunha festa popular que estivo amenizada polas dúas agrupacións e que se prolongou ata ben entrada a noite. 

O concello de Sandiás viviu durante a pasada fin de semana unha xornada festiva e cultural especial, grazas á actuación da Rondalla e Coro de Sandiás e da Rondalla e Coro "Os afiadores de Ourense". Non era a primeira vez que ámbalas dúas agrupacións coincidían no municipio limiao para deleitar a todos os veciños e veciñas co seu repertorio musical, senón que se trata dunha tradición que este ano congregou novamente a decenas de espectadores. 

A actuación celebrouse na igrexa de Santo Estevo de Sandiás o sábado, a partir das 19,00 horas da tarde e continuou posteriormente na Casa da Cultura do Concello. Neste lugar, os asistentes disfrutaron dunha festa popular que estivo amenizada polas dúas agrupacións e que se prolongou ata ben entrada a noite. 

Non faltaron os pinchos e a bebida para todos os asistentes. 

A Rondalla e Coro de Sandiás é tamén unha habitual da festa de Reis que se celebra no concello o día cinco de xaneiro, coa súa interpretación de panxoliñas e cancións de Nadal.

Te puede interesar