Sarreaus acondiciona un tramo da Vía da Prata

Foto Sarreaus 2
photo_camera O técnico do proxecto explica o plan a Gumersindo Lamas e Gabriel Alén.
As actuacións consistirán na creación dunha cuneta transitable de 1,5 metros de ancho no tramo da OU-113 comprendido entre os puntos quilométricos PK 34+760 e 35+200

Sarreaus mellorará a seguridade viaria e a accesibilidade na estrada OU-113, nun tramo que coincide co paso da Vía da Prata. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou este martes, acompañado do alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, o inicio destas obras nas que a Consellería de Infraestruturas investirá un total de 34.000 euros. 

Segundo explicaron dende o departamento autonómico, as actuacións consistirán na creación dunha cuneta transitable de 1,5 metros de ancho no tramo da OU-113 comprendido entre os puntos quilométricos PK 34+760 e 35+200, executando previamente a retirada da capa de terra vexetal e a posterior escavación, recheo e apisoado da gabia para alcanzar a cota necesaria que permita executar o firme de formigón da cuneta, que se fará transitable como senda do camiño. Nun tramo de 180 metros será necesaria, ademais, a execución de unha drenaxe con tubo de 160 milímetros de diámetro debido a os mananciais que existen na cuneta actual.

Gabriel Alén subliñou que esta é unha das actuacións que a Xunta vai desenvolver nos treitos das vías autonómicas coincidentes coa traza da Vía da Prata para reforzar a seguridade viaria e favorecer o tránsito dos peregrinos e que suporán un investimento autonómico conxunto próximo aos 225.000 euros. 

Por último, tamén informou o delegado na súa visita a Sarreaus que a Xunta de Galicia ten previstas un total de 13 actuacións na provincia de Ourense e unha na de Pontevedra na contorna deste Camiño de Santiago, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nos cruzamentos ou treitos da Vía da Prata coas estradas autonómicas.

Te puede interesar