ENTREVISTA

"Sempre digo que o teatro é o reino dos tímidos, calquera pode facelo"

Xosé Manuel Martínez Quintas é o director e guionista da Asociación Cultural e Teatral Aneis, pola que xa pasaron máis de 300 alumnos e alumnas

Xosé Manuel Martínez Quintas, é o director da Agrupación de Teatro Aneis.
Xosé Manuel Martínez Quintas, é o director da Agrupación de Teatro Aneis.
"Sempre digo que o teatro é o reino dos tímidos, calquera pode facelo"

Xosé Manuel Martínez Quintas, máis coñecido na comarca como "Manolo Fontemoura", naceu en Fontemoura, Porqueira (de aí o seudónimo) no ano 1969. Viu nacer a Asociación Cultural e Teatral Aneis en 1996, na que exerce na actualidade como director e guionista. Ao longo destes anos máis de 300 alumnos e alumnas da comarca seguiron as súas directrices. 

Como xurdiu Aneis ?

A asociación naceu en Vilar de Santos no ano 1996. Recordo que cando comecei coas clases de teatro tiña soamente seis alumnos. 

Por que Aneis ?

Foi cousa dunha das primeiras alumnas que formou parte da agrupación teatral, a única actividade da asociación. Cando nos puxemos á tarefa de atopar un nome, cada un de nós fixo unha proposta. Neste caso a nosa insignia son tres aneis, que simbolizan a unión entre o público, os actores e o director. 

Con cantos socios conta na actualidade a asociación ?

Rondamos os 130 socios e 48 asisten a clases de teatro, aínda que agardamos que en outubro se matricule máis xente. Eu sempre digo que se trata dunha milagre cultural. Os rapaces e rapazas de Xinzo poden escoller entre máis de 30 actividades non lectivas. O feito de que na agrupación academos todos os anos entre 50 e 60 matriculacións é algo moi positivo. 

Soamente de Xinzo, ou tamén do resto da comarca ?

Máis do 90 por cento procede de Xinzo, aínda que tamén temos alumnos e alumnas dos concellos de Sandiás, ou de Os Blancos. O meu obxectivo é levar a actividade teatral ao resto da comarca. Estou traballando nun proxecto neste senso.

Cónteme máis sobre ese proxecto. 

A miña intención é adicarme exclusivamente ao teatro. O primeiro dos meus obxectivos pasa por manter a actividade de Aneis ao longo do tempo xa que é a miña vida, é parte de min. Logo desto, gustaríame levar a actividade teatral polo resto dos pobos da comarca e de fóra dela. Xa imparto clases de teatro en Porqueira e presentei a miña idea en Rairiz de Veiga e tamén en Barbadás.  

Cal é o perfil de alumno máis común na agrupación ?

Temos xente de todas as idades, homes e mulleres, divididos en seis grupos. Moitos deles comezaron dende pequenos. Sen embargo, o perfil que máis abunda son rapazas de entre 12 e 13 anos. É o grupo máis numeroso. 

Vostede escribe de xeito íntegro as obras da agrupación. 

Si. Eu mesmo son o guionista da agrupación e tamén escribo libros. É unha forma de impregnar ao actor dunha personalidade propia. Case todas as funcións adoitan ter un carácter cómico. No caso dos nenos pequenos sempre escollo a fantasía e as emocións. No que atinxe ás obras teatrais que escribo para os adolescentes, fago referencia ás vivencias que se poidan ter a esa idade. E no que ten que ver cos maiores as obras son máis ben cómicas e de enredos. 

Hai potencial artístico na Limia? 

Rotundamente sí. Sempre digo que estou convencido de que algún actor, de entre os meus, despuntará algún día. De feito, algúns dos nosos alumnos remataron no mundo das acrobacias ou en compañías máis grandes. 

Calquera pode ser actor? 

Si, eu sempre digo que o teatro é o reino dos tímidos, calquera pode facelo.